Un plan acuícola destrutivo

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2013.- O novo plan acuícola que pretende impulsar a Xunta de Alberto Núñez Feijóo é unha peza máis do ataque que o PP está a efectuar sobre o territorio galego. “Trátase da política fundamentalista da dereita que só persegue poñer o territorio en mans das transnacionais”, expuxo o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Juan Fajardo nunha pregunta parlamentaria á conselleira do Mar, quen lembrou outras actuacións do señor Núñez como o plan de actividades extractivas ou a lei de costas, todas orientadas a eliminar os xa escasos regulamentos públicos sobre esas materias.

A responsable de Mar, Rosa Quintana, non negou que no proxecto acuícola da Xunta, agochado na web da consellaría e de difícil acceso, habilite o 100% da costa para construír piscifactorías, sexa cal sexa o grao de protección. Só o requisito gobernamental dunha autorización “de excepción”, que pode ser concedida pola Xunta de maneira unilateral, protexerá o litoral da cobiza acuícola non sustentábel. “Eu defendo os intereses da pesca, tamén os intereses da acuicultura”, admitiu Quintana. “É vostede a conselleira que vai acabar coa pesca tradicional”, respondeu Fajardo.

Alternativa xa rexistrou a pasada semana un escrito para solicitar a retirada do plan acuícola do Executivo de Feijóo.

Relacionados