Valoración Pleno

En primeiro lugar consideramos inadmisible o comentario de María Pardo sobre nacional socialismo para referirse ao BNG e PSdeG, se non teñen medidas que debater e carecen de propostas que beneficien á maioría social, polo menos que non insulten.

No tocante ao Pleno, apoiamos a resolución de apoio ao pobo saharaui, mais esiximos que sexan algo máis que palabras e que se leven a cabo medidas reais e efectivas para acadar e defender os dereitos que se demandan.

Clara mostra da nefasta xestión do Partido Popular é que un mes despois de aprobar os orzamentos teñan que levar a pleno unha modificación de orzamento e unha modificación orzamentaria.

Estes puntos da orde do día tamén demostran a ingobernabilidade que acredita a xestión do equipo de goberno de Currás, pois tralas protestas da oposición, ao considerar que non estaban debidamente convocados e faltaba información, o PP tivo que sometelos á convalidación para poder debatelos grazas a súa maioría.

É inadmisible o que o Partido Popular está a facer coa xestión económica do Concello, pois, ademais de hipotecar o futuro das futuras corporacións, sementa dúbidas e máis dúbidas sobre as medidas que realiza.

Outra cuestión debatida no Pleno, rexeitada polos votos do PP, foi a proposta do BNG de creación de axudas de material escolar destinadas ás familias que máis o precisen.

Consideramos que neste, e outros temas, o Concello ten que prestar o servizo público de apoio económico ás veciñas e veciños que o precisen, priorizando o gasto social fronte a actuacións cosméticas e superfluas na cidade.

Como é habitual o Pleno rematou con varios rogos, preguntas e mocións.

Relacionados