Valoración pleno

 

Atopámonos diante dos últimos orzamentos que o goberno municipal poderá executar na súa totalidade durante este mandato. Uns orzamentos nos que o PP publicita de maneira burda e falaz que 3 de cada 4 euros están relacionados coa xeración de emprego, porén as medidas para promover a reactivación económica e o cambio do modelo produtivo nin están, nin se esperan.

Fai semanas que o PP puxo en marcha a súa maquinaria propagandística para transmitir á cidadanía a falsa sensación de que estes orzamentos son os da recuperación económica. Campaña, por certo, pagada por todos os coruñeses e coruñesas. Mais por moita propaganda e esforzo por ocultar as contas á oposición, o certo é que xa ninguén cree nun goberno municipal que incumpre as súas promesas electoras, que minte descaradamente a cidadanía e que terxiversa a realidade constantemente co noxento fin de acadar rédito electoral.

Pois non Sr. Negreira, desgrazadamente estes orzamentos non serviran en absoluto para recuperar a economía, máis aló da economía dalgunhas empresas amigas a las que agasalla con contratos a dedo. As súas propias previsións orzamentarias, reflicten con claridade como o ingresos provenientes da actividade económica xeral diminúen. Con todo, para ocultar a dita evidencia que amosa as incoherencias do PP, o goberno municipal incrementa de maneira irreal a previsión de ingresos do IBI en 6 millóns coa subida da carga fiscal sobre determinados establecementos comerciais e hostaleiros o que penalizará a recuperación económica e provocará máis paro. Tamén espolia a empresa pública EMALCSA, cunha previsión de ingresos por transferencias superior aos 6 millóns e medio de euros procedentes dos petos dos coruñeses e coruñesas debido entre outras cousas ao incremento do recibo da auga que tanto negaban o ano pasado, mais agora os números cantan e unha vez mais deixan en evidencias as falacias do PP.

Os neocon sempre presumiron de xestores eficaces, máis a realidade amosa unha desastrosa xestión financeira e de tesourería dende que chegaron a María Pita. Apesares dos recortes aplicados e de presumir de austeridade aos catro ventos, o PP volve a acudir un préstamo de preto de 11 millóns e medio, mais non so seguen a endebedarse, senón que reducen os cartos a amortizar nun millón de euros anual, incrementan en medio millón os intereses a pagar polos prestamos e reducen os ingresos dos depósitos. En definitiva máis préstamos, máis intereses, menos amortización e menos depósitos. Están arruinando ao Concello. Non cabe dúbida de que todos estes feitos, constitúen a previsión dun panorama auténticamente desastroso e caótico desde o punto de vista da xestión financeira e da tesourería municipal.

O goberno municipal publicita ano tras ano que elabora uns orzamentos sociais, chegando a dicir nalgunha ocasión os orzamentos máis sociais da historia da Coruña, unha novo engano á cidadanía. Desde que goberna o PP no Concello, a dotación presupostaria para políticas de Servizos Públicos Básicos como Seguridade, Protección Civil, Tráfico, Extinción de Incendios, Vivenda, Medio Ambiente, Abastecemento de Auga e Recollida e eliminación de refugallos, pasou de 196 millóns de euros no ano 2011 a tan só 115 millóns no ano 2014 o que supón unha caída do 42%.

Tamén se recorta no grupo de políticas relativas a saúde, ensino, cultura e deporte, onde a súa dotación presupostaria baixou de 40 millóns no 2011 a 34 millóns no 2014.

Por outra banda o grupo de políticas de Actuacións de Protección e Promoción Social, caeu un 30% pasando dos 34 millóns de dotación presupostaria no 2011 a 24 millóns no 2014. Este grupo inclúe os programas de Acción Social, Promoción Social, Asistencia a Persoas Dependentes e Fomento do Emprego que pasa de 3,1 millóns en 2011 a 2,5.

Vaiamos a outro punto vital, as actuacións de carácter económico, que inclúen programas como comercio, ordenación e promoción turística, desenvolvemento empresarial e sociedade da información, aquí a realidade é demoledora o PP reduciu a dotación presupostaria nun 40%, pasando dos 27 millóns orzamentados no 2011 aos 16 no 2014.

Está é a política real do PP: recortar os servizos públicos básicos, reducir o fomento ao emprego para gastar en festexos. Así prioriza o goberno municipal: en lugar de investir en reactivación económica e cambio do modelo produtivo o fai en ladrillo e formigón.

Unha última mostra da falsa propaganda do goberno municipal, apesares de centrar a súa acción de goberno na austeridade, presumir de reducir gastos superfluos como canapés, coches oficiais, asesores… ou alardear de eficacia e boa xestión o certo é que no grupo de políticas de carácter xeral, as relacionadas co aparello burocrático municipal como Órganos de Goberno Administración Xeral ou comunicacións, o PP tan so recortou un 3%, pasando  dos 41 millóns presupostados non 2011 aos 39,6 millóns en 2014. Un aforro insignificante que amosa que o Sr. Negreira malgasta máis cartos públicos que o anterior goberno unha vez descontados os famosos “canapés e vehículos oficiais”.

Os coruñeses e coruñesas deben meditar si lles compensa unha redución do 42% en Servizos Públicos Básicos, un 30% en protección e promoción social ou un 40% nas actuacións para reactivar a economía, a cambio de festexos e túnel da Mariña.

O PP leva á cidade a ruína

A triste realidade contradí as afirmacións do goberno municipal en canto aos “orzamentos do emprego”, porque sen investimento é difícil reactivar a economía e crear emprego. Neste sentido o informe da intervención alerta dunha redución dun 8,27% en  investimentos reais.

Asemade, existe unha incoherencia entre o discurso do Partido Popular respecto das boas perspectivas económicas que o goberno do estado di que espera para España no 2014, anunciando o fin da recesión e o inicio da senda do crecemento económico, e as previsións que logo fan os gobernos municipais como o da Coruña.

– Segundo a páxina 6 do informe da intervención, redúcense as previsións de ingresos por Imposto de Actividades Económicas nun 0,98% en relación ao exercicio 2013. Tal e como expresa a intervención xeral, “este imposto non grava as rendas xeradas polas empresas, senón que se trata de cotas fixas, que no entanto poden verse reducidas como consecuencia de pechadura de establecementos mercantís e profesionais derivados da actual e grave situación económica”.

– Tamén se reducen as previsións en plusvalías e o imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO).

– En relación aos impostos estatais cedidos o propio Ministerio de Facenda e Administración pública xa comunicou ao Concello unha redución do 2% respecto ao ano 2013. Hai que sinalar especialmente as caídas que aparecen nos ingresos “sobre a renda”. Neles indícase que á caída do 7,82% de devanditos ingresos entre os anos 2012 e 2013, súmase unha nova caída do 2,56% entre o 2013 e 2014. Isto vén significar que o goberno de Rajoy espera unha nova caída de renda dos cidadáns no ano 2014 e que as declaracións dos seus ministros en sentido contrario son, simplemente, mentira.

O goberno municipal está a empobrecer aos coruñeses e coruñesas

Porque é falso que non suba a carga fiscal aos coruñeses, como afirma o PP. A previsión de ingresos por taxas, prezos públicos e demais ingresos de dereito público ascenden lixeiramente, tal e como indica a intervención xeral na páxina 7 do seu informe. Tendo en conta que son cargas que gravan a toda a cidadanía independentemente do seu nivel de renda e que non poden eludir, xa que se pagan a cambio de servizos e prestacións que normalmente só presta o Concello, con esta actuación o goberno municipal está a empobrecer a veciñanza.

O PP malgasta en festexos mentres recorta en servizos sociais

O goberno municipal, en plena situación de emerxencia social ten a cara dura de presupostar unha partida de 5.000.000 euros, máis que nunca, para o Instituto Municipal Coruña Espectáculos. (Programa 339, código económico 41001).

Pero polo contrario dedícase a fagocitar o público:

Reduciuse practicamente a metade a administración xeral dos servizos sociais (programa 230) pasando de 14 millóns no 2011 a 7,2 millóns no 2014.

Recortouse a promoción social (programa 232) de 4,9 millóns no 2011 a 3,8 no 2014, tamén a asistencia a persoas dependentes (programa 233) de 7 millóns a 5,9 millóns.
Ataques ao ensino público con brutais recortes:

Educación preescolar e primaria (programa 321) pasa de 4,1 millóns en 2011 a 3,7.

Promoción educativa (programa 323) pasa de 499 mil euros en 2011 a 100 mil en 2014.

Divulgación científica e técnica (programa 331) pasa de 5,7 millóns en 2011 a 4,4.

Bibliotecas e arquivos (programa 332) pasa de 5 millóns en 2011 a 4,4 en 2014.

O programa 321, código económico 63201, Obras de Reposición en colexios públicos pasou de ter unha dotación de 959.000 € no ano 2011 a 471.000 € un recorte que o deixa en menos da metade.

Promoción e fomento do deporte (programa 341) pasa de 2,1 millóns en 2011 a 1,4.

Instalacións deportivas (programa 342) pasa de 3 millóns de euros en 2011 a 1,4.

Dende que goberna o PP desapareceron os programas de igualdade (códigos económicos 22640 e 22771) que no 2011 dispoñían de 442 mil euros.

Desaparecen as axudas á cooperación e desenvolvemento. Outras axudas de capital ao exterior e outras axudas correntes al exterior (programa 232, códigos económico 49002 y 79002) pasan de una consignación total de 140.000 euros en 2011 a desaparecer no exercicio 2014, incumprindo por completo os pactos acordados en materia de cooperación.

O goberno municipal actúa de costas as necesidades da veciñanza

Mentres a situación de emerxencia social expulsa a veciños e veciñas da súas casas, deixándoos na rúa ao amparo da beneficencia, o goberno municipal recorta nos programas de vivenda e acceso á vivenda. Así,  no exercicio 2010, estes programas sumaban unha consignación presupostaria de 16,7 millóns de euros. Desde a chegada ao poder do Partido Popular, esta cantidade pasou a 7,5 millóns no ano 2012, a tan so 5,6 millóns no 2014. A perda de interese dos grandes especuladores inmobiliarios amigos do PP no desenvolvemento urbanístico non implica que gran parte da cidadanía aínda non poida exercer o dereito constitucional de acceso á vivenda tantas veces relegado pola dereita antes os intereses do poder do capital. Reducir esta partida progresivamente condena á mocidade e ás familias traballadoras humildes a non ter acceso á vivenda.
EMALCSA A previsión de ingresos por transferencias correntes aumenta nun 24,91%. Iso é debido á operación de espolio da empresa pública *EMALCSA orquestada polo goberno municipal, que pretende utilizar as reservas de capital das que dispón esta empresa, poñendo en perigo o seu viabilidade. Esperemos que detrás desta operación non estea a intención de facela crebar para xustificar a súa privatización e o correspondente dedazo a algunha das empresas amigas do Partido Popular que faría outro negocio do século máis a costa das familias traballadoras desta cidade.

APROBACIÓN DEFINITIVA EXPEDIENTE M2/2013 MODIFICATIVO CRÉDITO

(VOTO EN CONTRA)

Despois do desastre orzamentario do PP, pouco máis podemos engadir a aprobación definitiva do sétimo modificativo da era Negreira, o mesmo que tachaba de ineficaz aos gobernos que abusaban desta práctica. Sete modificativos en menos de dous anos e medio non lle parece abusivo?

Nada cambiou dende que Esquerda Unida votou en contra da aprobación inicial deste segundo expediente de modificación de crédito, pois o goberno municipal rexeito todas as reclamacións presentadas.

Aínda que rexeitamos o uso abusivo desta práctica contable, estaríamos dispostos a apoiala, si o modificativo servise para que o goberno municipal cambiase a súa política, mais desgrazadamente afondase na política do pan e circo, preto dunha terceira parte dos máis de millón e medio de euros deste  modificativo vai parar ao IMCE..

Observamos abraiados como o PP agacha nos festexos a súa incapacidade de xestión e a súa carencia de políticas de reactivación económica, mentres o desemprego crece na cidade até ás 23.224 persoas. A ineptitude do PP está a provocar que durante o seu mandato o paro incrementouse en máis do 16%. Primeiro o fixo nos orzamentos, logo no I modificativo e agora nesta segunda modificación orzamentaria. Neste sentido basta dicir que neste modifiacitivo dedicase menos do 4% para reactivar a economía, concretamente 60.000 € mentes se dedican 300.000 € a festexos. Asemade o devandito investimento non é para facer unha labor pública, senón que se trata dun protocolo de colaboración coa cámara de comercio, o que amosa unha vez máis a incapacidade e falta de ideas do goberno municipal para desenvolver políticas públicas tendentes a mellorar a economía.

Se ben é certo que do preto de medio millón de euros (446.478) que recibe o IMCE, 145000 destínanse a pagar unha nova indemnización que recae sobre o Concello, neste caso por unha adxudicación irregular do contrato das touradas realizada polo PSOE, da que Esquerda Unida xa esixiu en sede plenaria ao goberno local que establecese os mecanismos necesarios para depurar responsabilidades. Esixencia, por certo, que até o de agora o PP desoíu.

O caso é que independentemente da devandita sentenza séguese a gastar en festexos cantidades inxentes de cartos e así as arcas municipais descenden a grande velocidade, neste modificativo para poder incrementar os cartos para festexos o Concello ten que utilizar o Remanente Líquido de Tesourería por importe de máis de 354.000 € o que inicialmente xerará inestabilidade financeira e necesidade de financiamento, de manterse esta situación na liquidación do presuposto, obrigaría a elaborar un plan económico financeiro, tal e como indica a intervención municipal.

Curioso é observar como se minoran partidas que amplamente demandadas pola veciñanza como a mellora do aparcamento, do tráfico rodado e a accesibilidade nas vías públicas.

Incrementar as axudas ás entidades sociais, é algo no que estamos de acordo dada a situación de emerxencia social na que nos atopamos, o que xa non compartimos é que o 71% desa cantidade se destine a convenios nominativos, é dicir a subvencións a dedo en lugar de facelo en subvencións en réxime de concorrencia competitiva para as entidades sociais.

En todo caso recordar ao goberno municipal que as políticas sociais non poden reducirse á meras achegas ás entidades privadas, esa é unha forma covarde de encarar a grave situación que estamos a vivir, é necesario que o Concello lidere a loita contra a emerxencia social na cidade, creando redes de comedores sociais municipais e coordinando a loita contra a exclusión a través dun centro de inclusión social.

COMPARECER NOS PRDOCEMENTOS XUDICIAIS (ASUNTOS 4-15)

(VOTO FAVORABLE)

 

MOCIÓN CONSENSUADA DE APOIO ÁS REIVINDICACIÓNS DAS MULLERES VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO (VOTO FAVORABLE)

Relacionados