Vanessa Angustia e o fotógrafo Carnotto contan o martes 31 en Vigo como é a dura ruta dos Balcáns para unha persoa refuxiada na procura de asilo

Esquerda Unida Vigo organiza, a través da Área de Educación, a charla-coloquio “Refuxiados/as: que hai alén da ruta dos Balcáns?“, que terá lugar o martes 31 de xaneiro ás 19:30 h. no auditorio do Antigo Reitorado da Universidade (rúa Oporto, 1).

A charla será presentada pola senadora de En Marea Vanessa Angustia e contará co fotógrafo documental vigués Felipe Carnotto, coautor do libro “A ruta dos Refuxiados”  (Editorial Catro Ventos), quen falará da súa experiencia acompañando e retratando á poboación refuxiada na súa fuxida na procura de asilo en Europa. Con este coloquio preténdese dar a coñecer as razóns do éxodo e saber das condicións miserables que as persoas refuxiadas están a sufrir, así como das consecuencias deste tremendo drama humanitario que afecta tan directamente á Unión Europea e que a esquerda leva á palestra política, a pesar do silencio cómplice e da manipulación dos medios de comunicación e dos partidos do réxime.

Esquerda Unida, sempre a prol dos Dereitos Humanos, non cesará no seu esforzo de espallar este drama humanitario co obxectivo de sensibilizar á poboación para que esixa respostas e solucións aos gobernos, que están a ignorar o problema.

Tes máis información do evento neste evento de Facebook da Área de Educación de Esquerda Unida Vigo.

Vane Vigo

Relacionados