X.Ron e M.Fernández presentan as xornadas “Crise humanitaria: Ás portas de Europa” que percorrerán toda Galicia

Xabier Ron, membro da dirección de Esquerda Unida e deputado de AGE, xunto con Miguel Fernández, voceiro do Foro Galego de Inmigración, ofreceron esta mañá unha rolda de prensa en Compostela para presentar o ciclo de charlas de sensibilización que levan o título: “Crise Humanitaria: Ás portas de Europa”, entendendo que “estamos sumidos nunha importante crise global propiciada polo tratado de Europa e Turquía”, apuntou o deputado.

Neste senso, Xabier Ron trasladou a súa preocupación polo que acontece hoxe en día respecto ao trato de persoas refuxiadas, entre elas menores, por parte de Turquía coa complicidade da UE, que representa “o asasinato da democracia”. “Moitas persoas ignoran que levamos con estes problemas dende fai anos, mentres que nós denunciamos dende sempre, sucesos como a instalación de concertinas no Tarajal, onde sacamos á luz esta dura realidade. Hoxe, aproveitando esa circunstancia que aconteceu en España, traemos ese feito da sentenza exculpatoria absolutamente vergoñenta do que aconteceu no Tarajal para saltar ata o que acontece na actualidade, precisamente, coas persoas refuxiadas nos campos que xa chamamos concentracionarios de Idomeni e de outras zonas de Turquía, onde sucede unha tropelía continuada onde as persoas perden a dignidade, están perdendo o horizonte de vida e os seus proxectos vitais”.

Deste modo, “con esta campaña se pretende concienciar, incidir e animar ás nosas organizacións políticas asentadas nas institucións para que esta situación dea marcha atrás”, contou. “Europa ten que dar unha lección de solidariedade e humanidade, como fixo Canadá, que reasentou a unhas 30.000 persoas. Grazas a unha pregunta parlamentaria dende AGE, soubemos que no Estado só se reasentaron 18 persoas, en Galicia cero”, dixo. Por iso, dende Esquerda Unida rexistrouse, por medio de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), varias iniciativas sobre persoas inmigrantes e refuxiadas co fin de esixir que o executivo galego e cumpra coa súa responsabilidade como goberno democrático e que garanta dereitos humanos elementais como o de asilo ou o dereito á vida e á dignidade.

Pola súa banda, Miguel Fernández, voceiro do Foro Galego de Inmigración, falou da necesidade de que se elabore un plan ben estruturado sobre as persoas inmigrantes e os refuxiados que soliciten asilo político no país no que figure o aloxamento, asesoramento, integración educativa, atención psicolóxica, etc.

“Nós entendemos que as persoas refuxiadas son cidadás de pleno dereito, é máis: suxeitos de dereito inmediato. Onte, 600 persoas foron deportadas, segundo a Unión Europea por non solicitar asilo. Podemos deixarnos enganar o que queiramos, pero unha persoa siria, que vén dun país en guerra, ten un dereito ao asilo, recoñecido pola ONU e polas  institucións da Unión Europea. Todas as persoas que foxen da guerra teñen dereito a asilo, e os países poden asumir ata 20 ou 30 mil para que vivan de forma digna, e dicir, en casas”, rematou.

 

Relacionados