Sábado 6 inicio xornadas ALEAS

A área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Izquierda Unida (ALEAS-IU) celebra os días 6 e 7 de abril as xornadas federais en Compostela. Esta edición leva por título “Reimpulsando a loita LGTBI fronte á crise do Réxime” e, segundo a organización, “pretende articular un espazo de encontro e diálogo entre a esquerda política e o movemento LGTBI co obxectivo de expor alternativas desde as maiorías sociais ante a crise do capitalismo”. No devandito marco investigadores e investigadoras, militantes e activistas abordarán durante a fin de semana temáticas como: o movemento LGTBI galego, a teoría queer, o transfeminismo, os novos retos do movemento LGTBI ou o poliamor como modelo alternativo de relacións.

As xornadas contarán coa presencia dos responsables federais de IU, entre outros Marga Ferré membro do Consello Político Federal de IU, Alberto Hidalgo coordinador federal de ALEAS-IU e Ascensión de las Heras, deputada de IU-Izquierda Plural no Congreso.

Dende a executiva de Esquerda Unida e para o coordinador nacional de ALEAS-EU Gabriel Rodriguez, estas xornadas supoñen unha gran oportunidade para pensar os novos desafíos do movemento LGTBI desde a esquerda e conectar a nosa loita coas demais mobilizacións das maiorías sociais que xa están na rúa facendo fronte á crise do Réxime. Son unhas xornadas abertas, destinadas a militantes, acivistas e persoas interesadas en xeral.

Pola súa banda, a coordinadora nacional e deputada de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, manifesta que “a loita do movemento LGTBI nestes momentos de recortes tamén de liberdade, segue a ser para EU, un compromiso en defensa dos dereitos de homes e mulleres para vivir a súa vida afectivo-sexual como cada un considere”.

 

 

Relacionados