Yolanda Díaz presenta no Congreso a Proposición de Lei de Igualdade Retributiva para reducir a fenda salarial entre homes e mulleres

En Marea e o Grupo Confederal presentaron este martes no Congreso dos Deputados a Proposición de Lei de Igualdade Retributiva co obxectivo de reducir a fenda salarial entre homes e mulleres. “O país que vén non se pode construír sen as mulleres e os homes en pé de igualdade. Esta Lei de Igualdade Retributiva manda unha mensaxe de cambio para un tempo novo”, sinalou a voceira de En Marea, Yolanda Díaz.

Tal e como explicou a voceira de En Marea no Congreso, a Proposición de Lei busca diluír a actual división sexual do traballo, mudar os estereotipos sobre as aspiracións das mulleres en determinados empregos, reducir a dependencia económica, aumentar as pensións das mulleres, reducir a vulnerabilidade destas en relación á pobreza económica e aumentar a capacidade das empresas para atraer ás mellores traballadoras/es, entre outras cousas. Esta Proposición de Lei contempla, ademáis, medidas relativas á correcta valoración dos postos de traballo para garantir unha retribución igual por traballos semellantes, medidas que inciden de xeito evidente na discriminación salarial e medidas no ámbito procesal.

A presente Proposición de Lei pretende, desde unha perspectiva transversal, establecer os mecanismos para asegurar a igualdade retributiva entre mulleres e homes mediante a implantación de mecanismos específicos, seguindo a Recomendación da Comisión Europea de 7 de marzo de 2014. A tal efecto, segundo explicou Yolanda Díaz, proponse “a adopción de medidas e cambios normativos en ata 10 normas. Entre elas: o Estatuto dos Traballadores, a Lei do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP), a Lei Xeral da Seguridade Social, a Lei Reguladora da Xurisdicción Social e a Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social”, destacou.

Yolanda Díaz sinalou que “o Goberno non debería poder vetar esta Lei, porque desenvolve a Recomendación da Unión Europea para loitar contra a fenda salarial entre mulleres e homes”. De facelo, rematou a voceira de En Marea, “recurriremos ás instancias europeas en base ao Tratado de Funcionamento da UE e a Carta de Dereitos Humanos”.

Ver rolda de presentación da Lei dende aquí

Relacionados