10 de marzo

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2013.- O 10 de marzo lembramos os acontecementos tráxicos do ano 1972 na cidade de Ferrol, cando os disparos da policía franquista deixaron dous mortos, Amador Rey e Daniel Niebla, e ducias de feridos. Deste xeito, a Policía Armada reprmimía unha manifestación dos operarios do estaleiro Bazán, cando se estaban a manifestar en defensa dun convenio colectivo de ámbito provincial. Hoxe, 41 anos despois destes feitos, a loita sindical en defensa da negociación colectiva, de salarios dignos, e dos postos de traballo estables e de calidade, en definitiva, a loita de clases, está máis viva que nunca.

Hoxe, a clase obreira galega está a loitar polos mesmo obxectivos que no ano 1972: o dereito á negociación colectiva de ámbito galego. A última reforma laboral do Goberno de Rajoy sitúa aos convenios colectivos galegos no límite da súa desaparición ao outorgarlles, unilateralmente dende o Estado, data de defunción. Esta condena a morte dos convenios de empresa e/ou de ámbito provincial e galego a prol de convenios de ámbito superior (estatal) implica unha grande perda de dereitos laborais e salariais dos traballadores e traballadoras galegos. Moito máis se temos en conta que aqueles convenios que non teñan outro de ámbito superior quedarían acollidos aos dereitos mínimos recollidos no Estatuto dos Traballadores/as.

Ademais, a realidade social, laboral e económica de Galiza mostra un retroceso na calidade de vida e nos dereitos dos traballadores que sitúan á clase obreira preto dos niveis económicos e sociais dos anos 80: desemprego, emigración da mocidade, desigualdade de xénero, precariedade laboral, privatización de servizos públicos… Alternativa Galega de Esquerda chama á cidadanía a manifestarse en resposta a todos estes ataques ás conquistas sociais e laborais da clase traballadora galega, en defensa da negociación colectiva, duns salarios dignos, de políticas activas de igualdade, en defensa do ensino público e dunha sanidade pública universal e de calidade.

 

Relacionados