A aqueles que sosteñen, financian ou ou alimentan a engranaxe do mecano que funciona só succionando suor e transformando sufrimentos en capital temos que combatelos até o final.
Estamos nas vésperas da celebración do 10 de Marzo, o Día da Clase Obreira Galega, data na que o noso país celebra e reivindica a loita heroica dos traballadores ferroláns que desafiaron a represión da ditadura franquista para reclamar de maneira pacífica os seus dereitos como traballadores e asemade deron un pulo formidable á loita polas liberdades democráticas.
A data do 10 de Marzo de 1972 ten unha significación sobranceira para a construción dunha alternativa democrática e transformadora ao noso país, porque supuxo sen ningún xénero de dúvidas unha masiva deslexitimación social da ditadura. Dende o ámbito económico da produción, a clase traballadora acadou unha grande onda expansiva de simpatía e solidariedade de amplos sectores sociais e populares, que leron na espiral de violencia e represión da ditadura a súa radical incapacidade para manter un réxime de iniquidade.
Hoxe, como hai corenta e un anos é o momento do pobo e da súa unidade;a fraude, os paraísos fiscais e a corrupción duns poucos son o empobrecemento da maioría; os desafiuzamentos, o desemprego e a corrupción son a expresión da violencia social contra a maioría na que se sostén o actual estado de cousas. É o momento de poñer en primeirísima liña os intereses dos que non teñen outra maneira de poder vivir que vender o seu pelexo, a súa forza de traballo. Cómpre sermos xenerosos e traballar continuamente a prol da unidade de clase, da unidade de todos/as os/as traballadores/as.
O Consello Local de Esquerda Unida anima a toda a cidadanía combatente a acudir aos actos conmemorativos do 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, convocados polas organizacións sindicais e facer desta data un fito na loita contra os gobernos do PP.
Adiante!
Viva o dez de marzo.
Viva a unidade de clase traballadora.
Consello Local de Esquerda Unida-Ferrol