Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2013.- O resultado das receitas aplicadas por Alberto Núñez Feijóo nos catro anos que leva á fronte da Xunta de Galicia é coñecido: destrución. Destrución do emprego, destrución do medio ambiente, destrución do tecido produtivo, destrución da sanidade e da educación públicas, destrución dos servizos sociais, destrución da lingua, destrución da cultura e das súas redes de supervivencia. Por iso, para Alternativa Galega de Esquerda (AGE), os cen primeiros días do novo Goberno do PP supoñen acelerar o camiño cara ao abismo social e económico. Constátano todos os indicadores obxectivos e cada vez máis investigadores sociais e economistas. “É unha broma pesada recrearse en balances da etapa Feijóo”, explica o portavoz de AGE, Xosé Manuel Beiras, “cando hai un partido que revalida a maioría e dá continuidade á lexislatura anterior”.
Alternativa considera que Feijóo e os seus acólitos unicamente ocupan San Caetano para, afirma Beiras, “facer antipolítica e agravar o impacto destrutivo da crise económica”. Obediente aos ditados que emanan da troika da Unión Europea, e cuxos efectos exterminadores se senten, particularmente, nos estados e nacións do sur europeo, o presidente Feijóo conseguiu, en catro anos, unificar na súa contra aos máis diversos sectores da sociedade galega. Médicos, enfermeiros e traballadores da sanidade pública; profesores, mestres e estudantes; asalariados de toda caste de empresas que sofren as consecuencias das súas políticas de emprego; artistas, actores ou escritores, sacrificados nese altar da denominada austeridade que esnaquizou a acción cultural pública; falantes e defensores do galego que viron, por primeira vez na historia, un Executivo atacando a lingua propia de Galicia… Poucas veces houbo tal unanimidade para se enfrontar ás dinámicas impulsadas dende o Goberno da autonomía.
Porque, ademais, Feijóo e a súa corte apostaron, dende o primeiro día en que pisaron as institucións emanadas do Estatuto de Autonomía, por baleirar a xa cativa capacidade de autogoberno de Galicia. “O PP converteu a Administración autónoma”, engade Beiras, “nunha especie de deputación supramunicipal”. O ridículo da responsábel de Traballo na pasada lexislatura, que chegou a expor en público que carecía de competencias en desemprego, foi só unha mostra do absoluto desprezo coa que a dereita pensa o autogoberno de Galicia. Tampouco o Parlamento de Galicia merece máis para os mandados dos mandados e nestes cen primeiros días do segundo mandato de Feijóo proliferan os intentos por anular a capacidade da sede onde reside a soberanía popular. “Considérano como un frontón”, diagnostica o portavoz de AGE. A pasividade cómplice coa corrupción que anega o Partido Popular –en Galicia de maneiras específicas, como amosa, por caso, a situación do Concello de Santiago- aquí e acolá e da que o que se vai sabendo por Bárcenas semella apenas a punta do iceberg engaden outro elemento máis ao seu ataque directo ás institucións.
Para Alternativa Galega de Esquerda, en resumo, estes cen días certificaron que Feijóo e a corte que con el ocupa San Caetano continúan afastándose da maioría social galega, á que agride unha vez e outra coas súas políticas. E que o baleiro de accións e a falta total de respecto pola soberanías popular e nacional galegas presiden a súa actuación.