10M día da clase obreira galega

Yolanda Díaz, vicevoceira de AGE e coordinadora nacional de EU participa na mobilización polo 10 de marzo en Ferrol acompañada de membros da executiva nacional lembrando que asistimos a “unha demolición de dereitos laborais sen parangón nos últimos 30 anos”.

EU lembra que cada vez son máis os convenios colectivos que non son renovados co risco da ultraactividade e a perda de dereitos contidos neles. Este feito por en relevancia as loitas do 72, loitas que tiveron como eixo mobilizador a negociación colectiva e os dereitos laborais.

Para EU, en Galicia e no conxunto do estado, non son posible acordos marco de negociación colectiva ao atoparnos cunha patronal disposta a todo para abaratar dereitos e salarios e polo tanto apostamos por un sindicalismo de mobilización sostida que remate nunha folga xeral coa participación activa da cidadanía expulsada do mercado laboral.

EU considera ilustrativas as receitas que reiteradamente vén mandando o FMI sobre a necesidade de “radicalizar a reforma laboral”, feito que coincide coa estratexia da patronal de dinamitar a negociación colectiva e o papel garantista do sindicalismo de clase, estratexia que ultimamente vén a estar alentada dende medios de comunicación para laminar o derradeiro baluarte contra a desregulación total do mercado laboral.

Yolanda Díaz lembra que, tal e como figura no cartel conmemorativo de EU para este 10 de marzo, vindicar a memoria dos homes e mulleres que con audacia foron quen de poñer en pé ao pobo de Ferrol contra a ditadura e as leis laborais franquistas e vindicar hoxe a non renuncia aos nosos dereitos conseguidos tamén con sangue como a verquida por Amador e Daniel na rúa naqueles tempos.

Esquerda Unida, que participará activamente nas MARCHAS POLA DIGNIDADE, que partirán de 9 puntos do estado con destino Madrid, aproveita este 10 de marzo para pedir a participación activa dos galegos e galegas nesta marcha, que no noso país concretarase nun tren con saída dende Galicia o 22 de marzo.

Relacionados