1/12 día mundial de loita contra a SIDA

Este 1 de Decembro, día Internacional de Loita contra o VIH-SIDA, queremos visibilizar a nefasta situación na que estamos inmersas as persoas que vivimos co VIH. Resistindo unha marea neoliberal de recortes e de suspensión das canles democráticas institucionais, un ano máis volvemos pelexar pola nosa dignidade como persoas, polos dereitos e as liberdades conseguidas polas nosas irmás no pasado.

Coa reforma do artigo 135 da Constitución, tanto o PP coma o PSOE decidiron priorizar o pagamento dunha inxusta débeda antes que protexer os nosos intereses como cidadáns e cidadás. Con esta medida, créanse as condicións necesarias para que as políticas sociais sexan insuficientes e precarias, para que non poidan garantirnos unha vida que pague a pena ser vivida. Agora é o momento de darlle a volta á tortilla, recuperando unha democracia ineludible para garantir que os nosos corpos e sexualidades non queden supeditados aos caprichos do 1%, aos afáns egoístas dos de “arriba”.

Dende ALEAS-EU, confrontamos o decreto impulsado polo gabinete de Ana Mato que expulsa do sistema sanitario as persoas inmigrantes en situación administrativa irregular (sen papeis); negámonos aos recortes en prevención e ás actuacións que asfixían as organizacións que traballan cuestións relativas ao VIH/SIDA; opuxémonos ás distintas reformas laborais que fomentan a discriminación no traballo cara ás que vivimos co VIH; reclamamos a cobertura sanitaria para todas as persoas nun sistema sanitario público, universal e de calidade que conte cos tratamentos para a Hepatite C na súa carteira de servizos; e moitas máis propostas que as elites políticas non están dispostas a aceptar. Isto último é motivo abondo para que sigamos organizadas e nas rúas, para que sexan conscientes de que non somos unha “maioría silenciosa”, senón máis ben un pobo con dignidade disposto a gañar.

Sen máis realizamos un chamamento á mobilización dos colectivos e organizacións feministas, LGTBI, e de todas aquelas que loitan contra o estigma co que cargamos as persoas que vivimos co virus. Non nos moveremos das rúas nin das prazas; loitaremos porque as institucións volvan ser nosas, porque é a mellor homenaxe que podemos render a todas aquelas que loitaron polo que hoxe nos están a espoliar.

 

Relacionados