17 de maio, no Día das Letras “Quen se libera arréda-se”

Verso que esgaza as ataduras das conciencias. Carvalho Calero, ferrolán ilustre, explica, pola súa acción directa e o seu compromiso, o que hoxe é o edificio conceptual da lingua, da literatura, da cultura e mesmo da nación galega.

Os méritos de Ricardo Carvalho Calero non son os do oportunismo. Son expresión da constancia, do esforzo, da dignidade, da integridade e da coherencia. Só a falta de perspectiva conlevaría ignorar todo o que fixo por Galicia. Non hai eido cultural sen unha pegada creativa ou investigadora de Carvalho Calero. Sen dúbida, neste 2020 a súa figura emerxe por riba do esquecemento, do ostracismo intelectual, do oportunismo político e da banalización da discusión lingüística.

Os alicerces fundacionais de Galicia teñen a súa sinatura. Desde a elaboración do Anteproxecto de Estatuto de Autonomía para Galiza (maio de 1931) ou a fundación do Partido Galeguista (5-6 decembro de 1931) até a defensa radical dos ideais de democracia que conlevaba a Segunda República contra a depredación xenocida dos golpistas franquistas. Compromiso que tivo a consecuencia tráxica do cárcere primeiro (entre 1939 e 1941), e logo do exilio interior ao se ver imposibilitado para o exercicio da función pública, o que obrigou ao mestre a sobrevivir en academias privadas de ensino no Ferrol, entre 1942 e 1949, até que chega no 1950 ao Colexio Fingoi. Carvalho Calero foi un renovador pedagóxico, un defensor dos preceptos educativos do Instituto de Libre Ensinanza.

Incansable, cómpre desmentir a aqueles que afirman que minguou a súa militancia. Doado dicilo desde a distancia, pero o clima de represión e medo non impediu a súa militancia cultural a prol da lingua e da cultura galega. Acontecementos fundacionais de relevo como a fundación da Editorial Galaxia (1950), o seu ingreso na Real Academia Galega (1958) ou a súa Historia da Literatura Galega Contemporánea.I (1963) sinalan ese traballo constante en defensa do que nos define como pobo. Cando, por fin, se lle levanta a prohibición para o exercicio público da docencia, Carvalho Calero chega á USC en 1965 e en 1972 será Catedrático de Lingua e Literatura Galega. Esta é unha etapa, sen dúbida, rica en acontecementos eruditos para o coñecemento, defensa e promoción da lingua e da literatura galega.

Os sendeiros deste século XXI levan, inexorablemente, e por moito que se pretenda negalo, a persoeiros como Ricardo Carvalho Calero, que defendeu coa súa liberdade e coa súa coherencia e integridade ideais de xustiza e democracia, de lingua e nación. Unha persoa que pulou polo recoñecemento científico da nosa lingua e do noso patrimonio inmaterial.

Pode que non se entenda, desde os eidos do pensamento dominante e politicamente correcto, a necesidade de reivindicar de forma plena a Don Ricardo Carvalho Calero. Non se debe esquecer que o edificio dunha democracia se alicerza tanto sobre as pezas concordantes como nas discrepantes.

“…certas elites entenden que non deben realzar a personalidade dun disidente… e que nin como estudoso nin como pensador sobre os problemas culturais da nosa terra atinxo a altura que eles sinalan”.

En efecto, todo indica que o fundamento da Democracia contén, en certo sentido, a súa propia disfunción: as minorías vense na obriga de habitar nas marxes da sociedade, cando deberan, en realidade convivir. De feito, o propio sistema de partidos está asentado nos principios básicos de pluralidade, debate e discrepancia e convivencia.

As normas da hexemonía social serven para explicar o que acontece nos sistemas e patróns lingüísticos. De feito, como demostran recentes estudos científicos, o problema é que os procesos de lingüificación son agresivamente hexemónicos na defensa ideolóxica da estandarización dun patrón. E nesa refrega, as restantes opcións son rexeitadas. Se retomamos o fundamento da democracia, no entanto, é posible que convivan diferentes formas de ver e pensar o mundo, tamén a lingua. Simplemente, ao final, un ten que decidir, sen que iso implique, necesariamente, a marxinalidade de quen elixe outra opción. Sería a mellor proba de que vivimos nunha democracia sana.

Non se trata de banalizar a dicotomía entre normas ortográficas e/ou ideolóxicas, entre as oficialistas e as non oficialistas, dicotomía que recibe outros moitos nomes con marcado sesgo ideolóxico. Trátase, antes ben, de non cinguirse só a un dos aspectos da traxectoria de Ricardo Carvalho Calero, senón de comprender que el defendeu con coherencia unha opción lingüística, apoiado en reflexións teóricas, que se deu en chamar ‘reintegracionista’ ou ‘galego-portuguesa’. Trátase de ofrecerlle á sociedade galega a posibilidade de valorar toda a bagaxe dun home senlleiro.

Carvalho Calero, a pesar de ter participado e ser protagonista dos elementos fundacionais da lingua, da cultura e do entendemento de Galicia como nación -así entrou mesmo na Constitución Española de 1978-, sempre fuxiu de recoñecementos con modestia e intelixencia -coma no discurso de 1986-, así como soubo manter a súa dignidade e coherencia até o final, renunciando a determinados postos honoríficos e pechando a posibilidade a certos cargos representativos.

Remataremos esta semblanza con estes expresivos versos que, escritos en 1961, pode que indiquen a lousa que representa o exilio interior:

Traguede dinamita

porque quero voar

esa ponte de anguria

que vai do hoxe ao mañá

(Salterio de Fingoi)

Relacionados