12 xuño folga comarcal en Ferrol

O anuncio no día de onte da convocatoria dunha folga comarcal é recibida como imprescindible ante o estado de demolición política, económica e social que está a vivir a nosa comarca.

A ausencia de ning ún tipo de iniciativa pública creadora de emprego na comarca, que en situacións de crise permitiría estimular a economía, son inasumibles para calquera poder público que, en situacións normais dunha democracia real, veríase obrigado a dimitir e mesmo a responder ante a cidadanía da neglixencia no cumprimento da obriga de garantir os dereitos básicos da cidadanía: sustento, vivenda, emprego.

A nosa comarca está sendo literalmente estafada polo Partido Popular. Tanto no concello, como na Xunta e no Goberno central mantense na teima de que a economía rexurdirá por si mesma, agardando que o maná do traballo caia do ceo. A esperada inxección pública que reactive o tecido industrial de Ferrolterra non vai chegar, e si está en marcha un recorte e privatización dos estaleiros públicos da comarca. A caída deste tecido arrastra consigo ao comercio, ao impago de cretos e hipotecas, incluso a supervivencia mesmo de Ferrolterra.

Toda a sociedade debe concienciarse da situación crítica na que se atopa Ferrolterra. Unha folga comarcal ten que servir de unión a toda a cidadanía para, cunha soa voz, reclamar dunha vez por todas que as institucións deixen de considerar Ferrolterra como un barco á deriva desprendido do país, sen timón e coa súa tripulación condenada á miseria, ás desgrazas persoais e, o que é máis grave, sen expectativas de futuro.

EU Ferrol saúda a unidade sindical na convocatoria da folga, recurso da clase obreira ante a intransixencia do poder, que adica os fondos públicos achegados polo pobo, en ornamentación pura e infraestruturas baleiras puramente electoralistas. EU fai un chamamento a toda a cidadanía a participar activamente, non só parando o traballo, senón implicándose con forza en piquetes informativos, acudindo as manifestacións e visualizando a indignación da comarca contra un poder político incapaz de facer rexurdir Ferrolterra e garantir a supervivencia das nosas xeracións futuras.

Relacionados