1.200 familias sen material escolar

Diante desta situación semella fundamental que os poderes públicos actúen para garantir o dereito á educación, con todo o goberno local insiste en entregar cartos públicos aos promotores.

O Grupo Municipal de Esquerda Unida–Os Verdes atopa desmesurados os 56 millóns de euros do túnel do Parrote e a Marina, en comparación cos 660.000 € dedicados a servizos sociais na cidade. Consideramos necesario equilibrar o gasto entre a mellora razoable de infraestruturas, políticas de emprego e servizos sociais; na balanza do Partido Popular todo semella decantarse cara grandes contratos, festas e obras faraónicas que endebedan máis á Administración, convertendo actuacións necesarias en “Cidades da Cultura”. O goberno local deixa patente un alto grao de incapacidade ao abandonar as prioridades básicas da cidadanía para asegurar as súas ansias de inauguracións preelectorais.

Esquerda Unida considera antisocial gastar 56 millóns en obras faraónicas mentres 1200 familias non teñen nin para material escolar, polo que propoñemos reasignar o orzamento dos túneles da Marina e o Parrote para que o Concello sufrague os libros de texto dos escolares da Coruña e incentive a economía local dende a base, porque a cidade atópase nunha grave situación de estancamento como demostra o feito de que o Concello recadou tan so un 42% da estimación en licencias de apertura ou que en actividades económicas o Concello recadara un 14% menos do esperado.

As familias precisan apoio, reducir os seus gastos e aumentar os seus ingresos. O comercio local precisa que as familias poidan comprar, porque o poder adquisitivo da cidadanía descende mentres se incrementa o número de desempregados, como demostra a redución dun 17% no recadado no IRPF. A mellor inversión é facer que a cidade funcione. Esta iniciativa suporía unha axuda as familias que faría máis pola activación da economía da cidade que calquera actuación urbanística que so favorece a promotores.

Ante as declaracións do Presidente da Xunta, Núñez-Feijóo, e Ana Pastor sobre o futuro da cidade unha vez rematadas as obras do Parrote e a Marina, o voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “precisamos unha cidade para vivir e para traballar, a prioridade nestes momentos non pode ser aumentar a débeda para seguir enterrando os cartos en cemento”.

Relacionados