12.000 euros en horas extra

O deputado Juan Manuel Fajardo presentou unha pregunta para a súa resposta en comisión no Parlamento de Galicia na que se pide información sobre o pago de 12.000 euros en concepto de horas extra para traballadores de Portos de Galicia durante a celebración de catro etapas da Volta a España, unha información que o presidente do ente ocultou conscientemente. Na súa pregunta AGE pide explicacións ademais polo cambio do concepto que tivo lugar nos últimos días pasando de horas extra a gratificacións por evento.

Durante a comparecencia do presidente de Portos de Galicia, Juan José Duran Hermida, na comisión de pesca afirmou ante unha pregunta de AGE que as instalacións no porto de Vilanova de Arousa para a celebración da saída dunha etapa da Volta a España non tiveran ningún custe para a entidade reafirmando esta aseveración incluso cando o deputado Juan Manuel Fajardo preguntou sobre o custe do traballo realizado por persoal de Portos para esta instalación. Deste xeito, Juan José Duran Hermida non dubidou en mentir en sede parlamentar ante as preguntas de Alternativa Galega de Esquerda xa que segundo a información da que dispón o grupo parlamentar o custe dos traballos realizados por persoal de Portos ascende a 12.000 euros facturados en concepto de horas extra e que se repartiron entre oito operarios, un deles asesor do presidente do ente.

Ante as mentiras do presidente e as manobras de cambio de conceptos na contía sinalada, o grupo de AGE presentou esta pregunta dando unha nova oportunidade a Duran Hermida para explicar con claridade o acontecido coa celebración das etapas da Volta España en Vilanova de Arousa, o custe e os criterios que se empregaron para designar o persoal para estes traballos.

Relacionados