16X domingo reivindicativo

Esquerda Unida participa nas dúas manifestacións dun domingo no que se reivindica pola mañá unha Europa máis xusta e democrática e pola tarde polo dereito ao aborto. A manifestación da mañá forma parte dunha acción convocada en toda a Unión Europea, a través da Confederación Europea de Sindicatos (CES) na defensa do emprego e a protección social e para esixir o fin das políticas de austeridade e recortes e unha Europa con forte dimensión social e urxentes políticas para reactivar a economía e a creación de emprego.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os verdes anima a cidadanía ás 12:00 na manifestación que parte da praza da palloza, convocada por CCOO e UGT e ás 17:00 en Compostela na manifestación convocada pola Plataforma Galega pola Defensa do Dereito ao Aborto. Dende EU opoñémonos, e denunciamos, a reforma da lei de interrupción voluntaria do embarazo anunciada polo PP, por iso estamos a participar activamente nas mobilizacións comarcais e nacionais, así como a traballar, tanto nos concellos como no Parlamento, en contra desta reforma. Estamos a ser testemuñas dun novo ataque aos dereitos das mulleres. A reforma restritiva da Lei do Aborto ignora os regulamentos da maioría dos países europeos e non respecta os acordos e convencións internacionais sobre a saúde e dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres. O Consello de Europa defende que o aborto é un dereito fundamental, que a liberdade das mulleres para decidir sobre o seu propio corpo debe ser respectada e é deber do estado garantir o acceso ao aborto nunhas condicións seguras e axeitadas.

Baixo as presións da igrexa católica, pretenden arrebatarnos os dereitos conquistados, eliminando unha lei que conta co apoio da maior parte da poboación e responde á realidade social. Unha lei, que aínda con eivas, recoñece o dereito das mulleres á maternidade libremente elixida. Viaxando ao pasado case 30 anos, a reforma regresiva da lei, obrigará ás mulleres a acudir ao estranxeiro para interromper o seu embarazo, e a quen non teña recursos a arriscar as súas vidas en abortos clandestinos. Esta reforma é, por tanto, alén dun ataque aos dereitos das mulleres, un novo ataque ás clases máis empobrecidas.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “apostamos pola Europa social democrática e dos pobos e polo dereito á interrupción voluntaria do embarazo libre e gratuíta na sanidade pública”.

Relacionados