18 de decembro día mundial das migracións

No transcurso deses actos, que comezaran ás 11:00 h,  lerase un Comunicado de Denuncia das intolerables “devolucións en quente”; dos macrovoos de deportación forzada de persoas migrantes e, en definitiva, da continuada persecución policial que sofre o colectivo migrante, tamén en Galicia.

O Foro Galego de Inmigración e outros movementos sociais entregarán nos Rexistros das Subdelegacións de Goberno da Coruña e Lugo un escrito de demandas e denuncia destes feitos.

Na Coruña (11:00): o deputado de AGE Xabier Ron asitirá á manifestación que percorrerá a Avda. da Marina entre a Subdelegación e a Delegación do Goberno.

En Lugo (11:00): o deputado de AGE Ramón Vázquez asistirá á concentración diante da Subdelegación de Goberno.

En Vigo (11:00): a deputada de AGE Eva Solla asistirá á concentración diante da subdelegación de Goberno.

COMUNICADO DO FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN PARA O DÍA MUNDIAL DAS MIGRACIÓNS:

“O Foro Galego de Inmigración nesta decepcionante Conmemoración do Día Mundial das Migracións do ano 2014 quere facer público este Comunicado, para facer denuncia pública de:

1.-  A  recente aprobación no Congreso dos Deputados da mal chamada “Lei de Seguridade Cidadá”, que tod@s chamamos xa Lei MORDAZA, que entre outras cousas pretende legalizar ás chamadas “devolucións en quente”, que non son outra  barbarie que a expulsión de seres humanos que  chegan e se atopan xa en territorio do Estado Español, sen as mínimas garantías legais, que a propia Lei de Estranxeiría establece. Estas actuacións ilegais polas que o Estado Español recibiu a reprobación formal das Nacións Unidas e da propia Unión Europea, non se poden  lexitimar de maneira algunha porque van en contra dos Dereitos Humanos e dos dereitos que establece a propia Constitución Española. Preténdese dar apariencia de legalidade a actuacións brutais, inhumanas e contrarias aos máis elementais principios democráticos. Estamos ante un racismo institucional perigoso, que asenta no imaxinario social a criminalización e a perigosidade das persoas migrantes. NON O DEBEMOS TOLERAR.

2.- Hoxe 18 de decembro, Día Mundial das Migracións, o goberno español “conmemora” esta data, poñendo en marcha dous voos de deportación de persoas migrantes dirixidos a Mali e a Senegal. Preto de 400 persoas, pola mera situación de irregularidade administrativa, están a ser expulsadas hoxe de forma forzada, en voos que supoñen ademáis un importante gasto para  o noso erario público. Naturalmente son actuacións cotiáns, que previamente supoñen redadas racistas selectivas para encher eses voos. Como o propio Subdelegado de Goberno de  A Coruña recoñeceu nunha Xuntanza que mantivo no mes de setembro co Foro Galego de Inmigración, veciños e veciñas das vilas e cidades de Galiza sofren esta lamentable persecución, forman parte tamén deses grupos grandes de persoas que son deportadas directamente ou previo ingreso en CIES, utilizando métodos violentos, ás veces brutais, cando se resisten e reclaman os seus dereitos. DEPORTACIÓNS NO SÉCULO XXI NA UNIÓN EUROPEA, NON O DEBEMOS TOLERAR.

3.- As deportacións son o derradeiro paso dunha continuada e habitual persecución policial que sofren en Galiza @s nosas veciñ@s migrantes que se atopan nunha mera situación de irregularidade administrativa. Ademáis de identificacións racistas en espazos públicos de uso habitual como estacións, centros de saúde, etc , atopámonos coa persecución nos seus propios domicilios de persoas migrantes que tratando precisamente de regularizar a súa situación administrativa fanse visibles para os corpos e forzas de seguridade do Estado, que acoden a deter a perigosas mulleres que traballan como empregadas de fogar nas nosas casas,  coidando aos nosos vellos e vellas. Falamos de aquí, de casos que temos contrastados en A Coruña, ou Santiago e noutras cidades e vilas de Galiza. PERSECUCIÓN POLICIAL DAS NOSAS VECIÑ@S MIGRANTES, NON O DEBEMOS TOLERAR

4.- Queremos tamén ter presentes hoxe ás persoas- ás últimas que coñecemos-, máis de 20 e varios menores, que perderon a vida hai menos de 15 días tentando chegar ao Estado español e nas súas augas territoriais. Convén recordar que a función principal dos corpos e forzas de seguridade nesas zonas debe ser salvar a vida das persoas e non facilitar ou provocar a súa perda. NON DEBEMOS TOLERAR MÁIS MORTES DE SERES HUMANOS NO TERRITORIO ESPAÑOL  OU NAS SÚAS AUGAS TERRITORIAIS.

POR TODO  ISO, SOLICITAMOS DE MANEIRA FORMAL, AO GOBERNO ESPAÑOL, CON ESTE ESCRITO QUE PRESENTAMOS NAS SUBDELEGACIÓNS DE GOBERNO DE A CORUÑA E LUGO :

1.- A RETIRADA INMEDIATA DA CHAMADA LEI DE SEGURIDADE CIDADÁ E POLO TANTO DO INTENTO DE LEGALIZAR AS CHAMADAS “DEVOLUCIÓNS EN QUENTE” DE PERSOAS MIGRANTES QUE XA SE ATOPAN EN TERRITORIO ESPAÑOL.

2.- O CESE INMEDIATO DOS INTOLERABLES VOOS DE DEPORTACIÓN DE PERSOAS MIGRANTES E DA PROPIA PERSECUCIÓN DESTE COLECTIVO, INCLUÍNDO O PECHE DEFINITIVO DOS CIES.

 

3.- A IMPLEMENTACIÓN DOS MEDIOS PACÍFICOS NECESARIOS PARA  EVITAR A PERDA IRREPARABLE DE VIDAS HUMANAS NO TERRITORIO E NAS AUGAS TERRITORIAIS ESPAÑOLAS.

Relacionados