1º de maio

 

Non é tecnicamente posible precisar a curto prazo a evolución desta recesión e da futura depresión, polo que os anuncios de brotes verdes e futuros esperanzadores son propios de políticos desaprehensivos, xa que logo, trátase dunha crise do sistema capitalista en xeral, agravada polas políticas neoliberais aplicadas en España e na Galiza polo PP, PSOE co apoio dos nacionalistas.

 

Aproveitando o medo e desesperación da xente, os defensores do capital tratan de impoñer novos recortes de dereitos para a cidadanía. Baixo o nome de “Reforma Laboral”, pretenden impor o despido gratis, queren acabar cos convenios, reducir os gastos sociais en educación, sanidade e dependencia, atrasar a idade de xubilación ós 67 anos, por agora, e alongar o período de cómputo das pensións. Pero non queren reducir os gastos militares, as axudas á banca e a unhas poucas empresas privadas.

 

Fronte a estes despropósitos hai unha política alternativa, global, defendida por Esquerda Unida, froito dun rigoroso estudio das nosas posibilidades reais de desenvolvemento sostible e da interlocución cos movementos sociais. Así, entre outras moitas medidas, propoñemos implantar a Banca Pública non especulativa en burbullas financeiras nin paraísos fiscais, que axude a un tecido produtivo sostible ecoloxicamente e xerador de postos de traballo e a titularidade pública da Educación, Sanidade e Servizos Sociais para garantir calidade e universalidade. Para iso propomos rebaixar o IVE e aumentar os impostos directos que tanto o PP como o PSOE se encargaron de rebaixar ás grandes fortunas.

 

Para Esquerda Unida a celebración do 1º de Maio debe ser o referente inescusable da clase traballadora e converténdose no mellor marco para demostre a súa forza e lle diga ó capital que non vai a tolerar máis atropelos. Por iso mesmo, dende Esquerda Unida chamamos a mocidade e a todos os traballadores e traballadoras a participares nas manifestacións do 1º de maio.

Relacionados