Aumento de paro na Coruña

Esquerda Unida considera que o goberno municipal atópase nunha alarmante parálise de gobernanza, incapaz de artellar medidas para promover a reactivación económica, algo que queda patente na ausencia de parte resolutiva dos  plenos municipais deste ano 2013. Así, para agachar a súa incapacidade para desenvolver propostas, no pleno de xaneiro levo a debate o informe sobre o caso Someso, e agora no pleno de febreiro debateremos sobre o acordo supramunicipal da EDAR de Bens. Ambos os dous temas de grande interese pero sobrevidos nos que non se vota no Pleno.

Así diante desta parálise do goberno local onde, xorden iniciativas privadas relacionadas coas políticas activas de emprego, baseadas en Responsabilidade Social Coorporativa, responsabilidade que este goberno semella non ter, como a anunciada en días pasados por Marineda City, iniciativa que nun so día cubriu todas as súas prazas evidenciando que a veciñanza da Coruña ten graves carencias en canto a políticas activas de emprego e formación e que o concello amosase incapaz de cubrir.

Diante desta situación, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes levará a debate no pleno a grave situación de desemprego preguntando ao goberno municipal polas medidas que ten pensado desenvolver para paliar esta lacra social. Pois segundo reflicten os orzamentos municipais pouco é o que ten pensado facer o PP diante do maior problema dos coruñeses e coruñesas. Así por exemplo destina tan só 180.000 € para apoiar a emprendedores durante todo o 2013, apesares de que autónomos, PEME e cooperativas son a base do noso tecido produtivo e os auténticos xeradores de emprego. E as partidas para turismo e economía non chegan a sumar uns exiguos 8 millóns dun total de 266 millóns orzamentados, destinando tan so 1,37 a políticas activas de emprego, apesares da grande demanda da veciñanza.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o sr. Carlos Negreira está a gobernar a cidade obviando a gravísima crise económica e social que estamos a vivir, so así se entende a súa política de pan e circo”. Algo que os propios orzamentos corroboran, cun investimento superior en festexos que en políticas de emprego ou utilizando máis cartos para campañas publicitarias e propaganda que para reactivar a económica.

 

Relacionados