Os datos aportados polo director de Asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), Félix Rubial, en comisión parlamentar confirman a denuncia de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) ao afirmar que os recortes do Partido Popular matan. Así, cinco persoas morreron nos últimos anos durante o traslado en ambulancia desde Lugo a outras provincias por infarto segundo os datos oficiais ao non poder ser atendidos no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) por non dispoñer da correspondente unidade de hemodinámica. Estas cinco mortes, totalmente inadmisibles para o grupo parlamentar de AGE semellan non ser demasiadas para o goberno galego chegando a dicir o propio director de Asistencia Sanitaria que eran “unhas cifras baixas”, unha valoración cruel e intolerable cando do que estamos a falar é da morte de persoas.
O número total de urxencias trasladadas por casos de infarto desde Lugo a outras provincias en tres anos superou os 3.600 doentes e máis de 2.000 traslados por tratamentos de radioterapia en ambulancia aos que habería que sumar os que o fan nun vehículo particular cargando cos importantes custes do desprazamento. Estas cifras avalan de xeito contundente as reclamacións dos veciños e veciñas de Lugo e compartidas por Alternativa Galega de Esquerda para que se dote de xeito urxente ao HULA dos servizos de Radioterapia, Hemodinámica e medicina nuclear a tempo completo cos que se remataría cos traslados e o risco de morte de doentes. A deputada de AGE, Eva Solla, sinalou en referencia a unidade de Hemodinámica aberta no hospital lucense non rematou cos traslados xa que funciona unicamente en horario de 8 a 15 horas co que todos os doentes que sufran un infarto a partir desa hora terían que ser igualmente trasladados a outras provincias. “O goberno galego pretende que os doentes sexan disciplinados e se adapten ao horario propio dunha oficina para infartar” ironizou a deputada responsable de sanidade no grupo parlamentar de AGE, Eva Solla.
Durante a súa intervención, Eva Solla, destacou que a mortalidade por infarto na área de Lugo dobraba a de Coruña, Compostela e Vigo e que segundo os datos do propio Hospital de Coruña o tempo en que unha persoa infartada é atendida é o dobre para alguén de Lugo que para alguén de Coruña, “178 minutos insoportables nun caso de infarto”.
A deputada de AGE lembrou que fai tan só unhas semanas no Pleno da Cámara, aprobábase a toma en consideración da Iniciativa Lexislativa Popular que solicitaba que todas as nosas provincias contén con servizos de radioterapia, hemodinámica e medicina nuclear. Para a presentación desta iniciativa, recolléronse case o triplo de sinaturas das precisas e fíxose despois de meses de manifestacións, concentracións e protestas cidadás non só ante a inxustiza de non contar con estes servizos senón tamén pola desvergoña do Partido Popular por non cumprir as súas promesas electorais. A intervención do deputado do grupo parlamentar no Pleno, “preocupante e arrogante, cuestionando os datos dados na exposición da ILP, nunha actitude inaudita, desafiando ao poñente na súa intervención”, fixo que AGE considerase preciso que a Xunta dera as cifras oficiais que solicitou hoxe na comisión parlamentar e que confirman desgraciadamente as denuncias do grupo parlamentar.
O calvario ao que a Xunta de Galicia está a someter aos doentes de cancro que precisan tratamentos de radioterapia supón un agravio comparativo para o resto das provincias tanto a nivel de servizo como polo custe do transporte e as molestias que se lles fai pasar que demostra unha insensibilidade por parte do goberno galego imposible de tolerar para alguén cun mínimo de humanidade. “Os doentes de cancro que teñen que ser trasladados deben agardar uns por outros a rematar o tratamento para poder volver na mesma ambulancia o que os obriga a esperar horas nunha sala de espera para despois recorrer ata 150 quilómetros de regreso a súas casas, algo que debera ser impensable falando de enfermos na maioría dos casos moi débiles pola súa enfermidade e porque moitos deles toman outros tratamentos e mesmo quimioterapia” denunciou a deputada de AGE na súa intervención.
Por todo isto, e por que as cifras avalan a petición, Alternativa Galega de Esquerda esixe unha vez máis ao Partido Popular que cumpra as súas promesas electorais e dote dos servizos de Radioterapia e medicina nuclear ao HULA así como a apertura a tempo completo da unidade de hemodinámica e “non só en horario de oficina”.






