As cifras contan con 53.500 novos desempregados até chegar as case 5,7 millóns de persoas paradas, incrementándose a pesares dos meses de verán, e os pronósticos dende o mesmo BCE e FMI, falan de máis recesión e por suposto destrucción de postos de traballo.
O desgrazado record dun 25% de desempregados vén a confirmar as denuncias do grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes cando aseguraba que o PP estaba a arruinar o país, a empobrecer ao pobo español e a atacar aos máis necesitados por meros motivos ideolóxicos. Mentres a meirande parte dos economistas coinciden en que a saída da crise pasa inexorabelmente polo fortalecemento do investimento público para reactivar unha economía produtiva ávida de inxección de capital, o Goberno de España segue parapetado no “mantra” da austeridade e os recortes. A miopía económica do PP non a comparten nin os propios mercados, dos que o PP amósase fiel lacaio como amosa a inmediata suba da prima de risco logo de coñecer as erráticas medidas tomadas polo executivo central, ou o anuncio de Goldman Sachs de que non cumpriremos co obxectivo de déficit e que o noso PIB caerá un 1,4%.
Xa con anterioridade desenvolveu un golpe de estado laboral na procura de rematar con traballo digno mediante a eliminación dos contratos indefinidos como amosa o dato de que o 53% dos empregos perdidos eran indefinidos.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “a actitude de Rajoy e os seus secuaces é inmoral, reduce as prestacións por desemprego aínda a sabendas de que un de cada catro españois carecen de traballo, porque non cabe dúbida de que cando o goberno central aplicou os últimos e salvaxes recortes xa tiñan coñecemento do avance dos datos da EPA. E todo isto baixo insultos as persoas desempregadas insinuando que son chupocteros do Estado ao indicar que reduce a prestación para forzalos a buscar emprego, mentres os seus hooligans non Congreso dos Deputados aplaudían e vitoreaban este discurso demagóxico e perverso e, incluso, unha deputada de cuxo nome non quero lembrarme chegou a afirmar “que se fodan”.
Esquerda Unida considera moi grave que na Coruña durante os primeiros sete mese do ano 2012 o desemprego se incrementase un 6,37 % en relación co decembro de 2011. Unha tendencia alcista claramente negativa que ten a súa continuidade diante da inacción do Goberno municipal que incapaz de comprender que o problema atópase no actual e caduco modelo produtivo, segue a apostar polo obsoleto modelo do ladrillo e o formigón como demostra o feito de que este sector é a súa única aposta, como o seu propio voceiro indica cando pon como exemplos de dinamización da economía o malgasto de 14 millóns para o soterramento do tráfico na Mariña ou a rehabilitación da fábrica de tabacos.