A clase traballadora só ten un inimigo: o capitalismo
A democracia real constrúese garantindo igualdade, paz e dereitos para todas. En Galicia cabemos todas, e non hai liberdade sen políticas públicas que aseguren dignidade e xustiza social.
Por iso apostamos pola unidade internacionalista da clase obreira, pola solidariedade entre pobos, e por unha Galicia que sexa terra de acollida, non de exclusión.
Neste Día da Patria queremos deixar claro que a clase traballadora non pode deixar que a enfronten contra quen chega fuxindo da miseria, da guerra ou da fame. Os nosos inimigos non son os migrantes: son os especuladores, os explotadores, os corruptos e quen se enriquece co noso traballo.
Nun país no que moitas persoas non poden acceder a unha vivenda digna, a unha alimentación axeitada ou a unha sanidade pública de calidade, non falamos dunha democracia plena. Non hai liberdade cando a vida se converte nunha carreira de obstáculos para quen non naceu con privilexios. A igualdade non é un ideal: é unha condición imprescindible para construír un país xusto, habitable e en paz.
Galicia leva anos sufrindo políticas que priorizan os intereses duns poucos fronte ao benestar da maioría. Un Goberno que recorta dereitos, que destrúe o público, que impón a censura máis retrógrada no ensino público e que afonda no deterioro da sanidade mentres pecha centros de saúde, e que actúa con neglixencia na defensa das persoas máis vulnerables non é un Goberno ao servizo da cidadanía. É o reflexo dunha política excluínte, insolidaria e desigual.
O Goberno do Partido Popular perdoa impostos aos ricos, nega protección a menores migrantes, e continúa a súa ofensiva contra o que é de todas: a terra, a auga, os montes, o mar e os servizos públicos. É a mesma política que nos nega tempo de lecer, acceso á cultura, dereitos laborais e coidados na vellez.
Desde Esquerda Unida defendemos que só cunha Galicia que garanta igualdade poderemos aspirar á paz, e só cunha sociedade en paz poderemos exercer plenamente os nosos dereitos. A verdadeira liberdade constrúese desde abaixo, desde o cotiá, desde os barrios, as aldeas, os centros de traballo e as escolas. E constrúese con políticas valentes que poñan no centro as persoas, non os beneficios duns poucos.
Este 25 de Xullo chamamos a todas e todos a defender unha Galicia na que caibamos todas. Un país que abrace a diversidade, que coide a quen máis o precisa, que respecte o medio e garanta dereitos para todas as xeracións. Porque sen igualdade non hai paz. E sen paz, non hai dereitos.
En Galicia cabemos todas.







