25 xullo: DE NÓS DEPENDE

Galicia quere saír do baleiro. Os oito anos de desfeita de Feijoo abondan. Da man dos tecnooligarcas, Feijoo goberna para ese 1% que decide na sombra cal é o destino do 99% restante. Nunha Galicia dominada polo poder da dereita o imaxinario social galego malvive asulagado pola publicidade partidista, onde a manipulación habita os favores das liñas dos xornais e das canles públicas, ficando, así, relegadas á marxinalidade, as propostas e as alternativas das voces que discrepan e que alumean outra forma de facer e de vivir a política.

Galicia debe saír do baleiro. Temos que reformular como se constrúe o país. A desertización que sofre o noso territorio obedece, principalmente, a causas políticas. Non a un designio da providencia. Causas políticas que repousan na errada estratexia da dereita: a de empobrecer a sociedade, degradando dereitos individuais e colectivos, convertendo en estrutural a precariedade laboral e salarial (un 30 por cento das persoas asalariadas cobra por debaixo dos 700 euros). Un empobrecemento manifesto nos 743.704 fogares galegos que teñen dificultades para chegar a fin de mes. Empobrecemento que se acentúa coa privatización dos servizos públicos fundamentais e co peche dos mesmos no rural en nome das noxentas leis do mercado. Peche que fai extremas as dificultades das xentes do rural para vivir da terra e do mar. E mentres, os datos do paro só baixan debido ás trampas contables e ás mentiras do PP que agochan así o incesante e perigoso gotexo migratorio, de tal forma que 70 mozos e mozas emigran cada día da nosa terra.

Galicia merece saír do baleiro. Non podemos nin queremos seguir así. Hai catro anos, neste mesmo mes de xullo, iniciouse un xeneroso e dificultoso proceso de suma de vontades políticas, que deu nacemento a AGE, co fin de artellar un suxeito colectivo plural quen de ir desprazando das institucións ao PP e de opoñerse ás súas maiorías absolutas mediante políticas alternativas. Así naceron as Mareas Municipalistas de maio do 2015, cun resultado histórico para este país, recuperando para a esquerda cidades como A Coruña, Compostela e Ferrol, amais de sermos voz activa en multitude de municipios. E ese proceso seguiu sumando forzas para crearmos EN MAREA, cuxa forza, que desafía os poderes fácticos e mesmo enraízadas prácticas personalistas e egoísmos miopes, situou a 5 representantes de Galicia en Madrid para defender e garantir os dereitos do pobo galego. Porque ese é o desexo: sumar enerxías para restar egoísmos. O fin meréceo todo: situar á dereita nas bancadas da oposición no Parlamento de Galicia e crear as bases para un país diferente e mellor.

Por iso, precisamos xenerosidade e intelixencia colectivas. E moita honestidade. Ninguén dixo que este tipo de procesos novidosos fose doado. Non. Hai moita cultura política por crear e vellos hábitos tóxicos por desterrar.

As mulleres e os homes de Esquerda Unida temos o convencemento de que a fenda da historia aínda está aberta. E iso apela á enorme responsabilidade que se abre ante nós o videiro mes de outubro de 2016 en Galicia. Responsabilidade que esixe sinceridade para non caer en promesas enganosas: o horizonte non está nunha lonxana Arcadia soñada. Non. O horizonte está aquí e agora, ante nós. Os seus contornos só dependen de nós. De que saibamos, entre todos e todas, construír un programa de acción de goberno concreto e crible e que acertemos coas persoas que levarán a cabo a súa materialización no Parlamento e desde a Xunta de Galicia.

Tras este 25 de xullo de 2016, de forma decidida, Galicia sairá do baleiro.

De nós depende.

Compostela, 25 de xullo de 2016

Relacionados