25N Alianzas feministas contra as violencias machistas

Este 25 de Novembro de 2022 voltamos ás rúas contra todas as violencias machistas. Saímos por todas as que non están, polas que se senten soas, polas que teñen medo, polas invisibilizadas, polas que son negadas, polas que están lonxe, por todas as que loitan, polas que loitaron por nós e loitarán no futuro.

Esta data, instaurada en recordo e reivindicación dos asasinatos de Patria, Minerva e María Teresa Mirabal na República Dominicana en 1960, lémbranos que loitamos por outro mundo posible. Porque cando dicimos que queremos un mundo sen violencias, estamos a dicir que queremos construír outro. Esta data ten memoria e reivindica que o feminismo é un berro global no que “se tocan a unha, respondemos todas”. Respostamos con alternativas, sementando futuro, creando horizontes.

Porque as nosas loitas empuxan ao mundo para resolver as desigualdades de raíz, abrindo paso a outro no que sexamos socialmente iguais, humanamente diferentes e totalmente libres.

Sabemos que as violencias machistas non son só cousas que ocorren de forma illada e casual dentro da esfera privada da vida. Sabemos que tras cada asasinada, detrás de cada experiencia cotiá, hai un fío que nos conecta a todas con este sistema inxusto e violento no que vivimos. Sabemos que estas violencias sustentan a orde de desigualdade e opresión no que se basea este sistema capitalista, patriarcal, racista e colonialista, que constrúe roles de poder ante nós, de dominación e disciplina.

Estamos aquí, este 25 de novembro, porque unha sociedade de persoas libres e iguais é incompatible con este mundo, e queremos transformalo. Estamos aquí, para que a dor e a rabia que sentimos, convértanse en organización, traballo e loita.

Loitamos en cada espazo: nas rúas, na nosa organización, nunha asemblea, nun concello ou no sindicato, desde o traballo diario en cada espazo para avanzar con todas e por todas. Avanzamos coa Lei Si é Si, coa Lei Trans, coa Lei de Memoria Histórica, parando os desafiuzamentos das nosas veciñas, creando puntos violetas nos nosos barrios, organizando o 8 de marzo, saíndo á rúa coas mulleres palestinas, saharauís, iranianas ou contra os CIES; loitando contra a explotación sexual e reprodutiva, a prostitución e os ventres de alugueiro; desenvolvendo os plans de igualdade nos nosos sindicatos, saíndo pola paz e contra as guerras ou defendendo os dereitos das xornaleiras migrantes.

Pero aínda temos moito por facer e necesitámonos organizadas e xuntas.

Dende EU cremos que a atención e o apoio ás vítimas é fundamental, e por iso cremos imprescindible que se aproveiten os fondos do Pacto de Estado para implantar unha rede de atención de proximidade potente.

É necesario garantir a IVE dentro da sanidade pública, controlar a mala praxe obstétrica e asegurar a atención á saúde sexual e reprodutiva no sistema sanitario público.

É necesario un sistema público de coidados que substitúa o traballo non pagado das mulleres na familia polo que o diñeiro do Plan Corresponsables debe ter ese obxectivo claro e vincularse a servizos que se xestionen polas administracións.

É necesario incorporar mulleres ao cambio de modelo produtivo e enerxético, porque necesitamos outro sistema que non nos explote nin nos manteña na pobreza.

Úrxennos garantir condicións de vida digna porque é indispensable para acabar coa violencia. Urxe aprobar a Lei polo dereito á vivenda que protexa a colectivos de mulleres vulnerables da perda da súa vivenda. Urxe cubrir os baleiros lexislativos e abordar a regulación das migrantes sen papeis para parar a súa explotación.

Millóns de mulleres no noso planeta son sometidas a mutilaciones xenitais, obrigadas a casar, asasinadas, violadas e prostituídas, queimadas vivas ou torturadas polo feito de ser mulleres; usadas elas mesmas como vasillas para procrear seres humanos previamente comprados. O feminismo non entende de fronteiras.

É necesario seguir loitando por un mundo de paz permanente. As mulleres son vítimas principais das guerras e por iso esiximos poñer fin á carreira armamentística e perseguir o desarmamento. Sinalamos e denunciamos a volta ao conflito bélico no Sahara Occidental tras a ruptura do cesamento do fogo por parte de Marrocos. Non podemos esquecer a situación de vulnerabilidade que sofren as mulleres nos países con conflitos, mulleres que ven como se vulneran os seus dereitos fundamentais día tras día.

É necesario combater a violencia machista estrutural que ten as súas raíces en relacións patriarcais arraigadas en profundas desigualdades, que comeza coa linguaxe, a educación e as distintas formas de representación cultural. Onde nenas, nenos e adolescentes continúan educándose a través de películas, contidos e cancións de marcado contido machista, acceso á pornografía… Unha sociedade machista e patriarcal que penaliza ás mulleres LTBQ+, tamén pola súa disidencia da norma heterosexual patriarcal. Se non estamos todas non é feminismo.

Porque aínda que os nosos dereitos avanzan, a nosa loita continua ata lograr a igualdade real facendo noso o que xa dicía Rosa Luxemburgo “Por un mundo onde sexamos socialmente iguais, humanamente diferentes e totalmente libres”.

Porque ante o negacionismo, o odio e o retroceso que pon en disputa os nosos dereitos, nós creamos alianzas, abrazamos a nosa diversidade, tecemos redes e ampliamos horizontes para que todas, todas, todas, podamos vivir sen violencias.

Porque aínda que se queira deslexitimar a lei do só si é si , nós somos conscientes do avance que supón que sexa delito o que antes non era e poñendo no centro o consentimento como fronteira, como un paso máis para acabar coa cultura da violación.

Compañeiras e compañeiros, as irmás Mirabal téndennos a man para seguir avanzando. Loitemos por unha sociedade sen odio, sen guerras, sen violencias; loitemos polos dereitos de todas.

Relacionados