25N día de denuncia

Hoxe, día 25 de novembro todas os gobernos , as institucións, os partidos políticos , organizacións sindicais, e os movementos sociais e de defensa de dereitos de cidadanía  céntranse na denuncia da violencia contra as mulleres e revindican a súa erradicación. Denuncian as agresións físicas, enumeran as mulleres asasinadas e hai quen ata se atreve a comparar os números : o número de denuncias , número de victimas dun e outro ano, as axudas utilizadas para intentar buscar xustificación ao mantemento dunhas políticas que se demostran cada vez máis ineficaces para dar solución o problema, un problema que afecta de forma significativa a máis da metade da poboación.

Desde  Esquerda Unida, como non podía ser doutra forma lamentamos profundamente a existencia de malos tratos a mulleres no ámbito de parella e exparella e condenamos os asasinatos de moitas delas a mans de quen en teoría deberían ser os seus grandes apoios na vida, os seus amantes, os seus compañeiros, os seus esposos… pero entendemos que o problema da violencia non se limita a un ámbito, é un problema estrutural asentado no seo de toda a sociedade derivado dun sistema patriarcal e baseado na división sexual do traballo, que defende e potencia a subordinación das mulleres e implica a súa consideración como cidadás de segunda categoría.

Ao sistema patriarcal e capitalista no que desgraciadamente vivimos resúltalle imprescindible que máis da metade da poboación, as mulleres, se ocupen de forma totalmente gratuíta e sen ningún tipo de recoñecemento social dos traballos doméstico e de atención e coidado ás persoas para que a outra metade, os homes, teñan plena dispoñibilidade para integrarse ao sistema produtivo.

Desde Esquerda Unida entendemos que é imprescindible cambiar os roles, romper a dinámica existente, que só beneficia ao patriarcado, para lograr unha sociedade xusta e equitativa, conformada por persoas independentes, autónomas e con capacidade plena para o exercicio dos seus dereitos de cidadanía. E consideramos que calquera actuación desde o ámbito político, desde o institucional, que non persiga este obxectivo convértese en cómplice da violencia machista ao consolidar unha situación que  as converte en victimas dun sistema profundamente discriminatorio que se demostrou ineficaz, ineficiente e moi perigoso para a seguridade e a vida das mulleres.

Aos Gobernos do PP en España e en Galicia éncheselles a boca de queixumes polas victimas mentres as súas actuacións encamíñanse, cada vez con máis intensidade, a consolidar o sistema que as oprime.

O Partido Popular defende uns modelos: un modelo económico, un modelo de sociedade, un modelo de familia e un modelo de muller absolutamente incompatibles coa consideración das mulleres como cidadás en plenitude de dereitos cos homes e as súas políticas xeran violencia contra as mulleres.

Violencia Institucional tendo en conta que desde as institucións gobernadas polo Partido Popular se implementan políticas que impiden o goce e o exercicio pleno dos dereitos humanos ás mulleres.

Violencia económica a través de accións que limitan e en moitos casos ata negan ás mulleres a posibilidade de obter os recursos económicos necesarios para a súa subsistencia de forma autónoma .

Moitos dos recortes impulsados desde o Goberno Central polo Sr. Rajoy e desde o autonómico polo Sr. Feijoo atentan directamente contra o dereito á autonomía e independencia da mulleres, ao imposibilitar o exercicio pleno do seu dereito ao traballo. Aí  están por exemplo:

·A subida de prezos das escolas públicas infantís aprobadas na última lexislatura polo goberno galego ou os recortes na aplicación da lei de dependencia impulsados desde o goberno central que, por mor da división sexual do traballo instalada como alicerce básico do sistema que defenden estes señores, unida ao sistemático empobrecimiento das familias como consecuencia da aplicación da reforma laboral, obrigan e obrigarán no futuro inmediato ás mulleres a facerse cargo da atención a menores e persoas anciás e dependentes e como consecuencia veranse expulsadas dun mercado laboral cada vez menos flexible en materia de conciliación. Moitas mulleres están sendo vítimas destas políticas retrogradas e conservadoras que as expulsan  do mercado laboral e obríganas a volver facerse cargo dun ámbito , o doméstico e de coidado de forma totalmente gratuíta co absoluto menoscabo da súa independencia, neste caso económica e da súa autonomía.

·O recorte dos dereitos sexuais e reprodutivos que impiden ás mulleres decidir sobre a conveniencia de ter ou non descendencia, condenándoas en moitas ocasións a facerse cargo dunha prole que nin desexaron nin buscaron e impedindo nuns casos o seu acceso ao mercado laboral e noutros un adecuado desenvolvemento das súas carreiras profesionais. Ou a Lei de apoio á familia aprobada pola Xunta de Galicia e contestada polo movemento de mulleres, os partidos de esquerda as organizacións sindicais e ata o CES de Galicia que a considera como adaíl dun importante retroceso nos dereitos das mulleres. O Goberno do Sr. Feijoo lonxe de aplicar unha política de natalidade adecuada establece un único modelo de familia como verdadeiro, limita ás mulleres ao papel de nais , centra a única vía de desenvolvemento persoal para as mesmas na familia, criminaliza ás mulleres como culpables do descenso de nacementos ou lles xera a obrigación moral de ter descendencia.

· A discriminación laboral que sofren as mulleres : menores salarios por traballo de igual valor, imposibilidade de desenvolver unha adecuada carreira profesional, discriminación na promoción profesional, maior precariedade, traballo a tempo parcial ante a imposibilidade de colocarse a xornada completa, teito de cristal, etc. Lonxe de adoptar políticas públicas encamiñadas a eliminar estas discriminacións as decisións dos Gobernos do PP non só as consolidan senón que as incrementan. A reforma laboral, profundamente lesiva para os homes é unha auténtica aberración se se analiza desde a perspectiva de xénero.

· A manipulación sistemática de informes de impacto de xénero para xustificar as súas decisións que permiten a aprobación de medidas profundamente discriminatorias para as mulleres.

· As modificacións no sistema educativo, como a redución da educación de 0 a 3 anos, ao parecer eliminable segundo o ministro Wert por ser só unha medida de conciliación e non educación ou a eliminación da materia de educación para a cidadanía obviando que a educación é unha fonte de coñecementos que permite o desenvolvemento profesional e persoal pero tamén o instrumento máis efectivo para o cambio de actitudes a nivel individual e social e esquecendo que é o mellor medio , a base para eliminar a violencia, tamén a violencia contra as mulleres.

· As medidas de recorte ao persoal das administracións públicas, en Galicia e en España , ámbitos profundamente feminizados porque supuxeron un refuxio para as mulleres ante a discriminación existente no ámbito privado tamén afectan en maior medida ás mulleres, non é unha opinión exclusiva de EU ,a Comisión Europea compártea .

· A aplicación de medidas como o incremento do IVE ou o pago por receitas afectan a en maior medida ás mulleres xa que elas son titulares dos salarios e as pensións de menor contía polo que o esforzo proporcional que realizan é maior .

· As mulleres inmigrantes, explotadas, responsables das súas unidades familiares e profundamente discriminadas polas políticas do PP, abocadas ao desemprego, en moitas ocasións sen cobertura, ante a volta ao fogar das autóctonas incapaces, ante os recortes que sofren de contratar a outras mulleres para que as substitúan na atención ás súas familias.

Non está no noso ánimo facer unha relación exhaustiva, a nosa pretensión é simplemente denunciar a diferenza entre o que se predica e o que se practica e cremos que cos que se enumerou queda claro que o camiño que se segue non é o correcto.

Desde Esquerda Unida, consideramos que de nada valen as declaracións formais lamentando os problemas se á vez non sentan as bases para solucionalos e iso é xusto o que fan os gobernos do PP que lamentan a situación derivada das súas propias accións porque non esquezamos que quen podendo facelo non actúa en contra da violencia machista convértese en cómplice da mesma.

 

Relacionados