Este 25 de novembro voltamos ás rúas contra todas as violencias machistas e a berrar alto e claro “que a vergoña mude de bando!”
40 mulleres foron asasinadas no Estado español no que levamos de ano (non esquecemos as 5 asasinadas dende o 25n do 2023 ao 31 de decembro de 2023, que pasan desapercibidas nas estatísticas) e 1283 dende 2003, data na que comezan a contabilizarse os asasinatos de mulleres. O número de menores orfos por violencia de xénero son 29 no que levamos de ano e 443 dende 2013; dende ese ano a 2024, 63 foron as menores asasinas polos seus pais en casos de violencia vicaria.
A violencia machista é unha violencia estrutural que afonda as súas raíces en relacións patriarcais arraigadas en profundas desigualdades. Unha violencia que dáse en todos os países e que se dirixe a todas as mulleres. A violencia contra as mulleres ten múltiples formas; a violencia sexual é unha das formas máis significativas da violencia contra as mulleres e moitos dos perpetradores gozan de total impunidade. No mundo, 150 millóns de nenas menores de 18 anos sufriron agresións sexuais, e na Unión Europea unha de cada tres mulleres sufriron agresións ou abusos sexuais dende os 15 anos.
Millóns de mulleres son sometidas a mutilacións xenitais, obrigadas a casarse, asasinadas, violadas e prostituídas, queimadas vivas ou torturadas polo feito de ser mulleres; usadas como vasillas para enxendrar seres humanos previamente comprados. Sociedades machistas que penalizan tamén ás mulleres LGTBIQA+ polas súas disidencias da norma heterosexual patriarcal.
Esta violencia agrávase en países en conflito bélico, o corpo das mulleres convértese en lugar estratéxico para os fins da guerra.
Non podemos pasar por alto a violencia perpetrada baixo a ocupación e o colonialismo. Denunciamos ao ilexítimo Estado de Israel que está a perpetrar un xenocidio en Gaza, onde mulleres e menores son asasinados diariamente ante o silencio internacional.
Avanzamos coa Lei Si es Si, coa Lei Trans, coa Lei de Memoria Democrática. Unidas paramos os desafiuzamentos das nosas veciñas, saímos a defender a paz e contra a guerra, saímos ás rúas cas mulleres palestinas, saharauís, iraníes; saímos a defender os dereitos das mulleres migrantes para acabar ca violencia exercida sobre elas.
Dende Esquerda Unida cremos que o apoio e atención ás vítimas é fundamental, por isto reclamamos que se aproveiten os fondos do Pacto de Estado para implementar unha rede de atención de proximidade potente que permita recibir os apoios que precisan.
Somos abolicionistas da prostitución e por iso consideramos necesario que no noso país se traballe nese horizonte, ampliando os fondos destinados ás mulleres que desexen saír desa situación de prostitución e fondos adicionais para a educación da sociedade. Porque é necesario que se poñan en marcha en todas as provincias os centros 24 horas.
Saímos á rúa este 25N para lembrar aos distintos gobernos, central, autonómico e local, a urxente necesidade de por en marcha unha axenda feminista, porque o capitalismo depredador e especulativo impide o acceso á vivenda, onde o 60% dos fogares de aluguer encabezados por mulleres situase por debaixo do umbral da pobreza.
Seguimos a loitar contra un sistema que perpetúa as desigualdades de clase e fomenta a violencia estrutural contra as mulleres; mulleres traballadoras, precarizadas e empobrecidas, que subsisten en condicións de explotación. Seguimos loitando para que o feminismo sexa unha ferramenta de transformación económica.
Seguimos demandando un sistema público – comunitario de coidados que asuma o traballo non pagado que fan as mulleres na familia, e que son un síntoma dos privilexios dos que se serve o patriarcado para manterse.
Un ano máis sairemos á rúa para denunciar un sistema capitalista e patriarcal que non coida a vida nin o planeta. É necesario incorporar mulleres tanto ao cambio de modelo produtivo como ao enerxético, así como diminuír a pobreza enerxética que incide nas mulleres.
Este 25N saímos ás rúas a denunciar a violencia sexual que se exerce sobre as mulleres e as nenas, violencia aceptada e normalizada pola sociedade. Os relatos masivos que as mulleres fixeron das súas experiencias dan idea da envergadura e da normalización da violencia, do silencio e das complicidades. Saímos á rúa a reclamar que se poña o foco nos agresores e non nas vítimas.
En Esquerda Unida somos conscientes de que o machismo é transversal e atravésanos tamén ás organizacións da esquerda transformadora, que tamén temos formado parte dese silencio colectivo e colaborador cos agresores. Que a violencia política é unha manifestación do poder, baseada en relacións asimétricas que danse dentro das organizacións, sabemos que a impunidade non se derruba cun escándalo pasaxeiro, que é unha estratexia de fondo.
Como feministas sabemos moi ben que construír organizacións e referencias políticas libres de machismo e patriarcado é a base para mudar o noso mundo.
Estamos convencidas de que a vergoña mudará de bando gracias á loita feminista, por isto:
Este 25N fronte as violencias machistas berramos con rabia feminista:
Que a vergoña mude de bando!