No Día Internacional Contra a Trata de Persoas a explotación sexual é un dos delitos principais ao que se someten ás vítimas.
Aínda que non é posible contar con datos exactos dado o entorno de delincuencia na que se manexan estas situacións, a estimación supera os 40 millóns de persoas no mundo que son vítimas de trata e explotación sexual, na súa maioría trátase de mulleres e nenas en situación de vulnerabilidade especialmente migrantes en situación administrativa irregular, datos que en Galicia representan o 90% dos casos.
As persoas vítimas de trata viven diariamente nun “estado de alarma” que se ve máis acentuado coa pandemia da Covid19. A crise sanitaria e económica derivada desta pandemia pon en evidencia a desprotección das persoas máis vulnerables da nosa sociedade, especialmente para as vítimas da trata sometidas a unha situación por unha banda de abandono e por outra de maior dependencia dos seus explotadores que ven mermado o seu negocio de explotación sexual.
Neste 30 de xullo queremos lembrar o exemplo de desprotección que temos en Galicia ante a trata de persoas con fins de explotación sexual e que representa a macrocausa da “operación Carioca” na que preto de 400 mulleres quedaron indefensas ante o arquivo das diferentes pezas xudiciais. Nesta causa, a xustiza amosa as súas eivas para garantir a protección das mulleres vítimas de trata sometidas a unha explotación e vulneración dos seus dereitos.
A prostitución é o obxectivo principal da trata de mulleres polo que, dende Esquerda Unida ratificamos a noso posicionamento a favor das teses abolicionistas defendidas polo movemento feminista, que sitúa a prostitución como unha forma de violencia machista extrema.