33.000 familias sen ingresos

Os efectos devastadores da crise económica xunto coa política austericida de recortes levada a cabo polos gobernos da Xunta de Galicia e do Estado están a provocar o empobrecemento de cada día máis familias galegas que se sitúan en risco de exclusión social. Son os nenos e nenas os máis afectados e se ven sometidos a graves problemas socioalimentarios tal e como constatan entidades do terceiro sector que están paliando con cada vez menos recursos as necesidades esenciais que deberan ser provistas desde a administración pública para que o dereitos básicos como é a alimentación, a igualdade de oportunidades e o estado de benestar non sexan só palabras que leva o vento tal e como denuncian os deputados de AGE, Xabier Ron e Ramón Vázquez.

Os indicadores falan de máis de 33.000 familias galegas nas que non se está a percibir ingreso algún por parte dos seus membros e preto de 93.000 sobreviven como poden con todos os seus integrantes en situación de desemprego. Os datos reflicten unha verdadeira situación de emerxencia social xa que son 650.000 (23 por cento) os galegos e galegas que estarían en situación de pobreza e os que o PP simplemente pretende agochar mirando para outro lado e continuando coas súas políticas de agresión aos máis desfavorecidos.

 

Alternativa Galega de Esquerda xa presentara no pasado mes de xuño diversas iniciativas para que o goberno galego actuase e levase as tarefas pertinentes para que establecese un plan de detección de carencias nutricionais no alumnado escolarizado en centros públicos galegos e a que puxese en marcha durante os meses de xullo e agosto un programa de atención socioalimenticio destinado a nenos e nenas de familias en situación socioeconómica difícil. Ante a falla de acción da Xunta de Galicia, Alternativa Galega de Esquerda presentou unha pregunta no Parlamento de Galicia para saber se a Xunta de Galicia realizou os estudos necesarios para detectar as necesidades en materia nutricional do alumnado galego e se estableceu un protocolo de colaboración específico coas administración locais para coñecer a realidade socioeconómica dos concellos galegos e determinar así as necesidades reais da poboación en materia de provisión das necesidades esenciais.

Relacionados