6 millóns para beneficiar a empresas

 

Esquerda Unida denuncia que a desidia do Concello beneficiou a empresas en máis de seis millóns de euros. En concreto están pendentes de cobro 3,5 millóns de cotas de urbanización de empresas inmobiliarias e máis dun millón de ventas de enerxía xerada polo Concello.

 

Por outra banda os operadores que están a facer negocio coas instalacións municipais do matadoiro e do hospital Labaca deben a veciñanza máis de 2,3 millóns. Isto e a proba evidente de que as privatizacións desenvolvidas polos anteriores gobernos unicamente supuxeron un pingüe negocio para as concesionarias privadas e un custoso lastre económico para a cidadanía.

 

O Grupo municipal de Esquerda Unida os Verdes rexistrou hoxe a solicitude da relación individualizada de promotores e empresarios que sexan debedores do Concello.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou “a cidadanía ten dereito a saber que se lles está engordando o peto a algúns empresarios a conta de non cobrarlle as débedas”.

 

“Non entendo como a existencia deste burato económico non se denunciou con anterioridade. A veciñanza pode ter a absoluta seguridade que con Esquerda Unida no Concello este tipo de escándalos non van quedar agachados nunca mais”.

 

Esquerda Unida reitera que estes feitos indican unha nefasta xestión dos Gobernos anteriores e solicita ao actual Goberno municipal que tome as medidas correctoras correspondentes e depure responsabilidades políticas de quén non se preocupou de xestionar os cobros como correspondía.

Relacionados