600 milóns máis de orzamento

“As nosas emendas inverten a lóxica de asignación de recursos da Xunta para defendermos a cidadanía”, afirma Xosé Manuel Beiras. Yolanda Díaz acusa á Xunta de “facer desleixo das súas capacidades financeiras”.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2013.- “Nós pretendemos introducir outra lóxica nos Orzamentos da Xunta para 2013, inverter a súa asignación de recursos e así defender aquilo ao que nos comprometemos, a cidadanía”. Con esta liña de forza, explicada por Xosé Manuel Beiras, o grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) presentou esta mañá, no Parlamento de Galicia, as súas emendas á totalidade das contas do Goberno do PP para 2013. E nelas constan as propostas segundo as que o Orzamento podería contar con case 600 millóns de euros máis, destinados a financiar sanidade, educación, servizos sociais ou políticas de medio ambiente, as prioridades de AGE.

“Contra este orzamento talibán, presentamos unha alternativa, porque si hai alternativa”, asegurou Yolanda Díaz, viceportavoz do grupo. E esta comeza por unha modificación fiscal, posíbel mesmo dentro das actuais competencias da comunidade autónoma, que afectaría, por exemplo ao imposto de patrimonio, ao das vendas retallistas de hidrocarburante, ao de dano medioambiental por auga encorada, coa creación dunha nova taxa á implantación de grandes superficies comerciais ou sobre os pisos baleiros (as medidas aparecen pormenorizadas nunha das emendas anexas a esta nota de prensa). “Así, e cun plan contra a fraude fiscal a partir da axencia tributaria da Xunta, obteriamos 150 millóns de euros”, expuxo Díaz. Outros 150 millóns procederían dun imposto autonómico sobre depósitos bancarios, neste momento imposibilitado polo Goberno central. E arredor de 280 millóns atoparíanse de manter o obxectivo de déficit de 2012, o 1,5%, e non o 0,7% que figura no proxecto de Orzamentos para 2013. Isto sería posíbel mesmo dentro do tope de déficit de 4,5% imposto ao Estado español por, en palabras do voceiro de AGE, “o IV Reich da kaiserina Merkel e a troika”.

Alternativa Galega de Esquerda propón, nas súas emendas, unha suba do teito de gasto. Porque, como relatou Beiras, “a lei de teito de gasto foi estabelecida polo señor Núñez [en referencia ao presidente da Xunta], pero o teito fíxao o Parlamento galego”. Acontece que, subliñou Yolanda Díaz, dos obxectivos do último memorando europeo tamén se deduce a recentralización do Estado. Por iso, entre outras razóns de natureza máis ideolóxica e presentes no ADN da dereita, nin a Xunta esgota as súas capacidades lexisladoras en materia fiscal nin a pouca autonomía financeira que aínda ten. “En calquera caso, a traxectoria de Feijóo, o camiño dos axustes impostos pola troika, é un camiño cara ao inferno, como denominan os teóricos críticos máis agudos das ciencias sociais de hoxe”, resumiu Beiras.

 

Relacionados