7.000 postos de traballo

 

Alternativa Galega de Esquerda presentou no Parlamento de Galicia unha serie de iniciativas en relación ao tratado de libre comercio con Tailandia que está a negociar a Unión Europea e que pode significar a desaparición de máis de 7.000 postos de traballo no sector conserveiro galego. O deputado de AGE, Juan Manuel Fajardo, explica que a competencia de aranceis da industria conserveira do atún tailandesa faría insostible unha parte da nosa industria xa que o país asiático presentaría estes produtos na unión europea a baixísimos prezos derivados dos seus nulos custes laborais, froito da explotación da clase obreira tailandesa, así como os métodos de produción e pesca alleos aos controis e requisitos hixiénicos e medio ambientais da UE.

A isto súmase o feito de que o tratado pretende introducir modificacións para poder importar lombos de atún limpos de Tailandia co obxectivo de empaquetar en Galicia este produto e abaratar custes laborais presentando como galego algo que non o é, algo no que no noso país xa temos experiencia como o acontecido co mexillón chileno que na actualidade supón o 70 por cento do que se comercializa en Galicia.

Alternativa Galega de Esquerda fai un chamamento á Xunta de Galicia para que se dirixa ao goberno do Estado e a Comisión Europea para amosar o seu rexeitamento a que conservas de atún e a importación de lombos de atún figuren entre os acordos do tratado de libre Comercio entre Tailandia e a Unión Europea co obxectivo de defender os dereitos dos traballadores do noso país que están a ver como os seus postos de traballo están a perigar.

Relacionados