No Día Internacional da Muller Traballadora, neste 8 de marzo de 2013, o Grupo Parlamentar da Alternativa Galega de Esquerda convoca a sociedade galega a continuar unha loita tan difícil como apaixoante, a de construír unha democracia paritaria, onde mulleres e homes compartamos unha sociedade igualitaria.
Este lustro de crise capitalista deixou en evidencia a falla de compromiso do goberno da Xunta, así como o do Estado, para desenvolver as políticas públicas tendentes a construír unha sociedade de iguais. Alén de leis de papel, a realidade cotián das mulleres supón unha materialidade preñada de precariedade laboral, feminización da pobreza, agresións físicas e psícolóxicas e o mantemento dun regueiro criminal de asasinatos provocados pola ideoloxía machista, ideoloxía que cómpre lembrar sostén o PP, cando aproba leis para tentar clonar a familia modelo franquista ou subvenciona a entidades ultras como a Rede Madre.
O Grupo Parlamentar da Alternativa Galega de Esquerda denuncia a redución das medidas de conciliación e das políticas de igualdade nas empresas, nun marco caracterizado pola precariedade e o desemprego, pola baixa taxa de actividade (apenas disimulada pola acusada caída do emprego entre os homes), cuns datos onde se evidencia que as mulleres teriamos que traballar dous meses máis para cobrar o mesmo que os nosos compañeiros por un traballo semellante e cunha situación de crecente presión sobre as mulleres, que se traduce nun descenso nas baixas por maternidade e mesmo acoso laboral a embarazadas e nais recentes. Nesta xungla neoliberal que supón un mundo laboral desregulamentado e na práctica sen eficacia real dos convenios colectivos, precariedade e pobreza , as mulleres debemos preservar os dereitos conquistados e que coa desculpa da crise as políticas machistas do PP quérennos arrebatar.
O Grupo Parlamentar da Alternativa Galega de Esquerda acusa ao PP de fomentar a imaxe estereotipada e cosificadora da muller na sociedade. A redución do suxeito autónomo muller á condición de obxecto heterónomo para consumo alleo apúrase na renuncia a combater a publicidade machista que limita as expectativas persoais e profesionais das mulleres, das adolescentes e das mesmas nenas, a publicidade que presenta á muller como un belo obxecto sexual, o que potencia a violencia machista ao considerar á muller como un obxecto que se pode posuír.
O Grupo Parlamentar da Alternativa Galega de Esquerda advirte da violencia machista que latexa trala furia destrutora que o PP abate sobre os servizos públicos coa determinación de privatizalos e que fagan caixa as empresas amigas que logo achegan os sobres da podredume moral. Retalladas e privatizacións nos servizos de dependencia, nas escolas infantís, nos propios servizos de igualdade, ou os atrancos que se anuncian para exercer os nosos dereitos sexuais e reprodutivos que nos obrigan de novo ás mulleres a asumir tarefas reprodutivas que corresponderían aos servizos públicos dunha democracia política e social avanzada, propios dunha democracia paritaria.
O Grupo Parlamentar da Alternativa Galega de Esquerda anima á cidadanía galega a se mobilizar para reivindicar no 8 de Marzo as políticas públicas que propicien o empoderamento das mulleres, os dereitos económicos e sociais e a arela emancipatoria da Igualdade real entre mulleres e homes, arela que recoñece e sabe do valor das loitas feministas para acadar ese abrente de Igualdade para toda a cidadanía galega.





