9 millóns para a Cidade da Cultura

Defenden que os 9 millóns de euros que se adican a esta Fundación se redistribúan de forma axeitada revitalicen e dinamicen o tecido cultural galego con políticas de apoio transparentes e equitativas.

Santiago de Compostela, 23 xaneiro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda, a través do seu deputado Xabier Ron, presentou no Parlamento unha Proposición non de Lei na que se insta á Xunta de Galicia á disolución da Fundación Cidade da Cultura e a redistribución do seu orzamento.

Dende Alternativa Galega de Esquerda destacan que as políticas de recortes estanse xustificando,” de forma interesada”, apelando á necesidade de austeridade e de aforro para reducir o “sacrosanto déficit” e para alimentar o pago da débeda pública que, en primeira instancia, responde a unha socialización das perdas ocasionadas polas entidades financeiras e por unhas oligarquías caracterizadas pola súa voracidade, cobiza depredadora e inmoralidade.

Unhas políticas de recorte que supoñen un auténtico ‘austericidio’ que leva a un progresivo e ininterrompido proceso de degradación das condicións de vida e traballo da maioría da poboación galega.

O único instrumento real en poder da Xunta de Galicia para enfrontarse á recesión e saír desta deriva económica e social o antes posible e co menor custo posible é o seu Orzamento. Pois ben, o gasto non financeiro orzamentado para o 2013 cae en 655,5 millóns de euros sobre o orzamento do 2012.

Este recorte xeralízase a todas as partidas de todas as seccións, sendo a parte dedicada á Cultura unha das que máis descenden xa que, no ano 2012, se lle dedicaban preto de 80 millóns de euros, e para este 2013, se lle outorgan pouco máis de 61 millóns de euros. “Máis de 18 millóns de euros volatilizáronse baixo as gadoupas da austeridade ultraliberal de Feijóo” denuncian desde Alternativa Galega de Esquerda.

Considerando o discurso de recortes non se entende o desbaldimento de recursos que se lle segue concedendo á Fundación Cidade da Cultura. Nos orzamentos do 2013 dita Fundación lévase máis de 9 millóns de euros, isto é o 15% do rozamento dedicado a Cultura. Por riba, a funcionalidade deses recursos económicos detráese do carácter directamente cultural para dedicarse en máis de 6 millóns de euros, isto é máis de 2/3 do orzamento, a obras, equipamento e dotacións.

A Cidade da Cultura, co traslado de diversas entidades que xa contan co seu orzamento de funcionamento con elas (AMTEGA, AGADIC, etc.), non precisa, para o desbaldimento que representa o seu funcionamento de 9.000 euros diarios, dunha Fundación, xa que entendemos que os gastos correntes de mantemento deben emanar directamente da estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

Alternativa Galega de Esquerda defende así mesmo que os 9 millóns de euros deben redistribuírse de forma axeitada en aspectos que permitan ao tecido cultural galego revitalizarse e dinamizarse e espallarse polo territorio galego a través de programas de actuación cultural concretados cos axentes sociais e mediante políticas de apoio transparentes e equitativas.

 

Relacionados