Coincidindo co inicio do prazo de reserva de praza para os institutos de Educación Secundaria do alumnado actualmente matriculado en sexto de primaria (do 1 ao 15 de febreiro), a área de Educación de Esquerda Unida inicia esta semana unha campaña informativa de reparto de materiais impresos ao longo da xeografía galega na que anima á cidadanía a solicitar praza dentro da rede de centros públicos da comunidade.
Segundo explica o coordinador da área de Educación, Roi Rodríguez Cagiao, “trátase dunha campaña en enfocada en positivo, na que reivindicamos a matriculación na educación pública coma un acto consciente de posta en valor deste servizo fundamental. Ser usuario do ensino público é o xeito máis elemental, sinxelo e sincero de defendelo”.
Fronte a un goberno autonómico empeñado no desmantelamento do ensino público e a promoción do sector privado, “a área de Educación de Esquerda Unida reivindica a educación pública como a única capaz de garantir a gratuidade, a cohesión social, a compensación da desigualdade social, a promoción e normalización da lingua galega ou a laicidade educativa”, sinala Rodríguez.
Neste senso, dende Esquerda Unida poñemos en valor, de cara ás familias galegas, a calidade da rede de centros públicos galegos, na que (pese ás políticas de recortes dos últimos anos dos gobernos Feijóo) os cadros de persoal, a preparación dos profesionais e a dotación material e de infraestruturas segue sendo superior ao da rede privada-concertada. “A maiores, todos os estudos sinalan que o custo por curso de estudo na privada e privada-concertada supón un desembolso moi superior á media do gasto na pública en concepto como material e libros escolares, transporte, saídas, actividades; un auténtico co-pago educativo”, sinala o coordinador da área.
Por último, esta campaña tamén pretende dar visibilidade ás propostas de Esquerda Unida en materia educativa, tales como: a derrogación da LOMCE, a substitución desta por unha lei froito do debate coa comunidade educativa, a reversión dos recortes que se levan producido dende o 2008, o incremento da porcentaxe do PIB a investir en educación, a gratuidade dos servizos educativos complementarios (transporte e comedor) e a moratoria e supresión progresiva da financiación pública do ensino privado para acadar unha rede pública única de centros educativos de xestión directa.
Ler en: