A área de Educación de Esquerda Unida inicia a campaña “Matricúlate na pública”

Coincidindo co inicio do prazo de reserva de praza nos centros de educación infantil e educación primaria de Galicia, a área de Educación de Esquerda Unida inicia esta semana unha campaña informativa na que anima á cidadanía galega a solicitar praza dentro da rede de centros públicos da comunidade co nome “Matricúlate na pública”.

“Trátase dunha campaña en positivo, na que reivindicamos a matriculación na educación pública coma un acto consciente de posta en valor deste servizo público fundamental. Ser usuario do ensino público é o xeito máis elemental, sinxelo e sincero de defendelo” explica o coordinador da área Roi Rodríguez Cagiao.

Fronte a uns gobernos autonómico e estatal empeñados no desmantelamento do ensino público e a promoción do sector privado, a Área de Educación de Esquerda Unida querereivindicar e poñer en valor deste xeito a calidade da rede de centros públicos galegos, na que os cadros de persoal, a preparación dos profesionais e a dotación material e de infraestruturas segue sendo superior á da rede privada-concertada. A maiores o custo do estudo na privada supón un desembolso para as familias  moi superior á media do gasto na pública (un auténtico co-pago).

A campaña, que consiste na distribución de materiais informativos impresos e a través das redes sociais, pretende visibilizar, ademais, as propostas de Esquerda Unida en relación á política educativa, en especial a de incrementar a porcentaxe do PIB a investir en educación (moi por debaixo da media europea actualmente), a gratuidade total dos servizos e transporte e comedor e a de supresión progresiva da financiación pública do ensino privado para acadar unha rede única de centro educativos de xestión directa.

Relacionados