O Consello local de EU vai desenvolver nestas vindeiras semanas unha campaña de información e denuncia sobre as condicións e consecuencias que vai carrexar para a nosa cidadanía o pretendido rescate da banca imposta ao Goberno español more germano cunhas escuras e aínda non clarexadas contrapartidas de recortes e aumentos na imposición indirecta alomenos.
A campaña vai achegar informacións cun díptico explicativo e coa presenza das mulleres e homes do Consello local para explicar e repartir a información sobre as negativas consecuencias que vai ter para todas e todos nós esta nova imposición do capital financeiro que imos pagar en exclusiva a cidadanía, en forma de débeda, novos intereses e encarecemento do financiamento nos mercados.
Nas prazas e mercados da cidade, de Recimil á feira de Ferrol e logo pasando polos distintos barrios, EU instalará mesas explicativas, con material específico dunha campaña de información, para que a cidadanía coñeza os pormenores dun pretendido rescata que en realidade incrementa o custo do secuestro dos servizos públicos, sometidos a partires de hoxe a mías dificultades e novos recortes, asemade de suba de impostos. Dentro desta campaña, este xoves, EU defenderá unha moción presentada na primeira quincena do mes de xuño no concello de Ferrol para o seu debate no Pleno ordinario. Moción que se presentou o 13 de xuño e que busca un pronunciamento das forzas políticas do Pleno encol dun rescate que vai carrexar negativas consecuencias para a nosa veciñanza.
O rescate é máis evidente demostración da creba das políticas neoliberais do Goberno Rajoy nestes case seis meses de recortes, imposicións e golpe de Estado en materia laboral, denuncia o Coordinador local Suso Basterrechea.
Esquerda Unida demanda tanto no Congreso como no Parlamento Galego a constitución dunha Comisión da Verdade, que analice, e traia conclusións e depure responsabilidades políticas e penais de habelas diante dun roubo e engano á nosa cidadanía. EU quere lembrarlle á nosa veciñanza que hoxe cada un de nós terá que aboar nestes vindeiros anos 2.200 euros para satisfacer o custo e intereses deste préstamo, que non se lle fai aos bancos, que se lle imputa ás contas do Estado.