Ao longo destes últimos meses, o Parlamento de Galicia está a acoller diferentes sesións da Comisión Alternativa de Sanidade, impulsada polas tres forzas da oposición parlamentaria. Ante a situación grave da sanidade pública galega, con falecementos das vítimas que non recibiron tratamento de hepatite C ou a morte dun home no PAC da Estrada sen ser atendido por falla de facultativo, os grupos da oposición solicitaron unha comisión de investigación no Parlamento, que foi vetada polo PP.
“Ante isto, os grupos da oposición optamos por non participar na Comisión Oficial e organizar unha comisión na que puidesen ter voz os que foron vetados polo Partido Popular”, explica a vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla. “Esta comisión tentará ofrecer unha perspectiva global e non unilateral como pretendía o Partido Popular para ocultar a grave situación que está a vivir a sanidade pública do noso país”, sinala.
Na primeira Comisión Alternativa de Sanidade, que tivo lugar en decembro, compareceron o portavoz da familia do falecido no PAC da Estrada, Manuel Pereira e o curmán do falecido, Manuel Brey Pereira. Tamén estiveron representantes da plataforma “PACs en pé de guerra” e o médico Eduardo Díaz e a enfermeira Pilar Rodríguez.
Os profesionais coincidiron na sobrecarga de traballo que padecen as consultas de atención primaria, o que tamén afecta aos PAC.
Na segunda xornada da Comisión de Investigación Alternativa sobre a situación da sanidade pública do noso país compareceron o técnico de emerxencias sanitarias do 061, Óscar Graña, a médica de urxencias do CHUS, Fátima Nercellas, e a enfermeira no CHUS, Elisabeth Dosil. Os tres comparecentes coincidiron en sinalar a grave situación que se está a vivir no sistema sanitario cun total abandono e inhibición por parte da Xunta de Galicia.
A todo isto súmase a situación de precariedade absoluta que teñen que soportar estes profesionais cun convenio colectivo conxelado desde hai máis de 3 anos, contratos en practicas con salarios de 800 euros mensuais.
Na terceira xornada da Comisión Alternativa de Sanidade compareceron Marian Rodríguez e Encina Galego, pediatras do sistema público, que deixaron constancia da situación de carencia de profesionais que padecen as nenas e nenos no noso país, así como a falla de previsión na planificación das necesidades de pediatría.
Consideramos compatible a distribución dos cupos para que ningún neno ou nena careza de pediatra, así como a necesidade de dar acceso ás zonas do rural máis afastadas, incentivando a eses profesionais.
Na última xuntanza, os comparecentes foron o investigador e especialista en dereito da exclusión Miguel Vieito e a psicóloga clínica do SERGAS, Rosa Cerquido. Os dous concluíron, cada quen desde o seu campo de especialidade, que as políticas da Xunta de Galicia provocan serios prexuízos en materia de falta de atención sanitaria.
No caso dos doentes de enfermidades mentais, os recortes profundizan o abandono dos programas especializados en este tipo de doenzas e, no caso das persoas migrantes, coa exclusión dos dereitos a seren atendidos polo sistema sanitario galego.
Por todo o que relatan as e os poñentes da Comisión Alternativa de Sanidade, dende Esquerda Unida reiteramos que, empuxada polos recortes do PP, a situación da nosa sanidade chega a límites intolerables e lembramos que unha década de recortes orzamentarios por parte do PP pesan como unha lousa nas costas das e dos profesionais, así como do conxunto da cidadanía galega.