A corrupción como forma de goberno

Yolanda Díaz acusou ao Partido Popular de se valer da corrupción como forma de goberno. Fíxoo nunha nova sesión de control ao presidente da Xunta no pleno parlamentario desta mañá, na que Feijóo deu un novo recital de mentiras e escapismo. “Señor Feijóo, mentir tamén é unha forma de corrupción”, engadiu a viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda. Díaz lembráballe unha frase pronunciada o 12 de novembro de 2012 segundo a que o PP faría dimitir a calquera deputado sometido a imputación. “E mentres, neste Parlamento hai unha deputada, María Faraldo, non imputada, senón procesada”, engadiu. Faraldo está en xuízo acusada de prevaricación e falsidade documental.

A enxurrada de embustes coa que respondeu Núñez Feijóo non por habitual deixou de significar unha nova mostra de desprezo á oposición e á cidadanía agredida polas brutais políticas neoliberais. Cos edís de goberno do concello da capital de Galiza, todos do PP, imputados por delitos de, entre outros, suborno, prevaricación, enchufismo, ou tráfico de influencias, a única defensa que atopou o presidente da Xunta foi o “e ti máis”. “Parece, segundo vostede, que o que pasa no Concello de Compostela é perfecto”, ironizou a viceportavoz de AGE, antes de preguntar máis unha vez se ía “facer algo”.

Yolanda Díaz tamén levou ao pleno parlamentario “o xeito infame de gobernar, absolutamente indecente” do Partido Popular, que se materializou onte nas rúas de Compostela coa brutal represión policial aos mariñeiros do cerco. “Tratan como delincuentes aos traballadores e traballadoras, que non son máis ca persoas que defenden o pan dos seus fillos”, expuxo. Porque, ao cabo, o señor Núñez Feijóo si é un rebelde: “Un rebelde paras as cuestións que teñen que ver coa ética e coa moralidade”.

Relacionados