A candidatura de EU–V ven de desenvolver o seu acto central de campaña no Centro Cultural Torrente Ballester, coa presenza das primeiras e primeiros candidatos da provincia para explicar os contidos programáticos dunha proposta alternativa.
“Os intereses do mundo do traballo, da xente moza e das mulleres terán en nós un valedor formidable, e pola contra seremos implacables cos banqueiros, especuladores e demais causantes da crise”, sinala Mariluz Canal, como apertura dun compromiso inquebrantable co electorado de esquerdas.
A petición de voto efectuada pola primeira candidata ao Congreso resulta nidio: “pedimos o voto das persoas de esquerdas para aplicar sen vacilacións nen obediencias espúreas un programa alternativo de esquerdas para defender os intereses da maioría social traballadora do país.” Un programa belixerante para cos mercados e atento coas necesidades das máis dun millón seiscentas mil persoas que esgotaron e non reciben un euro de axuda pública, cos máis de tres millóns de autónomos afogados polo bloqueo do creto e os impagos das administracións, coa clase traballadora precarizada, coas mulleres e xovenes agredidos en primeira persoa pola crise provocada polos que seguen a beneficiarse agora dela… un programa para os máis da sociedade, para o pobo de esquerdas que sabe que con EU – Os Verdes o seu voto suma na defensa do interese xeral e doutra política posible.
O primeiro candidato ao Congreso da comarca, Xosé María Dobarro desgrana un relatorio de medidas que afectan á comarca e que marcarán a axenda política que Esquerda Unida – Os Verdes formularán no Congreso logo do 20 de novembro:
– A construción do dique flotante para Bazán e a loita para levantar o veto á construción civil pública en Fene. Creación dunha Axencia Galega de Investimentos, que canalice a presenza e protagonismo do sector público nos eidos estratéxicos da economía.
– A desafección dos terreos militares de Esteiro ( Dolores, cadro pequeno, residencia militar…) para ampliar e consolidar o campus universitario de Esteiro.
– A consecución dunha liña de axudas para proceder cun planeamento cuatrienal a rehabilitar Recimil, coa colaboración da Xunta de Galicia e o propio concello.
– A dotación dunha axeitada conexión ferroviaria de velocidade alta ao Eixo Atlántico, a creación dunha rede de cercanías no país e o retranqueo para construír unha nova estación intermodal.
– O desenvolvemento dun plano de emprego-formación en colaboración co concello que permita atender necesidades de traballos municipais e un salario-formación para as persoas desempregadas sen prestación algunha, que lles supoña cobrar 700 euros netos ao mes por unha xornada de 35 horas semanais, 25 de traballo e 10 formativas.
– O pulo para garantir a supresión no rueiro do Arsenal das numerosas rúas adicadas a militares vencellados ao golpe militar e a ditadura franquista. E a eliminación de pezas – caso do busto adicado ao ministro de gobernación – no tempo en que entre outros moitos se asasiñou polo réxime a Julián Grimau -, Camilo Alonso Vega.
– O saneamento da ría e moi en particular a continuación da loita contra os negocios ilegais e perigosos de Reganosa. Respaldo o mantemento do Plan de Dinamización da ría no eido autonómico. A ría podería case triplicar os postos de traballo asociados hoxendía somentes ao sector primario; asemade dos derivados doutras actividades de lecer e deportivas.
Sari Alabau, que vai representar a EU -Os Verdes no Senado reclamou unha oportunidade para un cambio á esquerda, pedindo que os sufraxios das persoas de esquerdas constrúan unha barricada que derrote ás políticas de dereita e aos recortes do PP (que en Galicia se observan no ensino, a prevención dos lumes, a sanidade, o laissez faire… en materia industrial, etc.). Lembrou que o programa elaborado de xeito participado da coalición metaboliza en medidas alternativas a indignación das rúas, o malestar das mulleres, a precariedade dos servizos públicos, a falla de futuro da xuventude, ou o medo e incertidume dos maiores ao respeito das pensións e o repago. A incansable loitadora comunista significou o valor de cada sufraxio para que conte na balanza da esquerda, para crear emprego, para defender o público, para derrotar ao PP co que a coalición se xoga varios deputados e deputadas a conta do xogo de restos da lei electoral.