A Coruña conta a homofóbia

 

Esquerda Unida congratúlase porque o Pleno do Concello aprobase por unanimidade unha moción que incorpora un plan de loita contra a homofóbia, logo das pintadas vexatorias aparecidas nun centro educativo contra unha persoa polo mero feito de ser homosexual. Ser gay non é algo reprochábel, non é ningunha enfermidade e moito menos, non é escusa para torturar e avergoñar publicamente pola orientación sexual.

 

A moción foi presentada polo grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes baixo o título en defensa da liberdade de orientación sexual e contra a homofóbia”, cuxa parte resolutiva transcribimos:

 

Primeiro.- O Pleno do Concello da Coruña manifesta o seu total rexeitamento a calquera tipo de manifestación homófoba.

 

Segundo.- O Pleno do Concello da Coruña expresa a súa solidariedade coa persoa protagonista das pintadas homófobas aparecidas nun centro coruñés.

 

Terceiro.- O Pleno do Concello insta ao Goberno municipal a desenvolver plan contra a discriminación por razón de sexo ou orientación sexual nos centros escolares coordinado pola propia institución local e xestionado por entidades e colectivos de LGTBI para desenvolver o coñecemento da diversidade sexual. Que entre outras materias inclúa:

A promoción de campañas de información social que denuncien os comportamentos lesbo e homofóbicos e promovan comportamentos e actitudes de respecto e igualdade, así como a potenciación deste tipo de campañas informativas nos centros ecolares.

A completa supresión de requisitos, contidos, mencións e signos discriminatorios cara a calquera opción afectivo-sexual promovidos desde instancias tanto públicas como privadas.

A retirada ou denegación de calquera axuda ou subvención por parte das administracións públicas a aquelas entidades tanto públicas como privadas que pola súa ideoloxía ou actividade incorran en calquera manifestación de homo ou lesbofobia.

A loita pola normalización e despatolixacilón da transexualidade, que inclúa programas e medidas orientadas a favorecer a súa integración social e laboral e a combater o rexeitamento e a discriminación que sofren os e as transexuais.

A esixencia a todos os países ou rexións que se beneficien das políticas de cooperación ao desenvolvemento por parte do Concello da garantía de non discriminación e respecto aos dereitos de gais, lesbianas e transexuais nos seus territorios.

Asistencia social para aquelas persoas fuxidas dos seus países de orixe como consecuencia da discriminación e marxinación que padecen pola súa condición de gais, lesbianas ou transexuais. O Concello instará á Administración estatal a concesión de asilo para estas persoas.

  Nos casos de expulsión do fogar familiar por razón de opción sexual, o Concello deberá facilitar aos mozos e mozas nesta situación, a axuda tanto emocional como material necesaria: apoio psicolóxico, orientación xurídica, pisos de acollida, bolsas de estudo ou pensións de manutención entre outras.

 

Cuarto.- Reivindicar diante do resto de Administracións unha lei integral contra a LGTBI-fobia que penalice as discriminacións por orientación sexual ou identidade de xénero.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “A Coruña será máis igualitaria si o goberno municipal cumpre os acordos plenarios en relación coas iniciativas que presentamos nos dos últimos plenos, contra a violencia de xénero e contra a homofóbia”.

Relacionados