A Coruña. Xuntanza con CCOO

Hoxe desenvolveuse unha rolda de prensa xonxunta de CCOO e EU-V na que se diu conta das conclusións da xuntanza mantida con anterioridade para analizar as propostas da coalición verdibermella en canto ao mundo do traballo.

 

Por parte de EU-V participaron Mariluz Canal, candidata ao congreso dos deputados por A Coruña, o coordinador comarcal e voceiro do grupo municipal de EU-V, César Santiso e o responsábel de organización, Jorge Gil. Mentres que a delegación de CCOO a encabezaba o secretario xeral da unión comarcal, Demetrio Vázquez, quen insistiu na necesidade de acadar unha saída social a crise mediante o cambio do modelo produtivo e o investimento público e da senrazón dos recortes sociais.

 

Esquerda Unida constata nunha xuntanza con CCOO a coincidencia das súas propostas coas demandas dos sindicatos de clase, motivo polo cal entende que a coalición verdibermella é a forza que mellor atende as demandas de CCOO e UGT incluídas no seu  chamamento a votar, a pesares que este non fai referencia a ningunha forza política.

 

Así, Esquerda Unida – Os Verdes coincide con CCOO e UGT na aposta polo investimento público como motor da economía e na necesidade dunha reforma fiscal xusta que reparta de maneira equitativa os custos da crise e na seguridade que os recortes sociais non representan ningunha solución á crise.

 

Mariluz Canal indicou “propoñemos unha reforma financeira que permita que o crédito volva a fluír para a economía produtiva, a través dunha banca pública. Somos a única organización política que define e cuantifica un plan contra a crise que permita reactivar a economía mediante o cambio do modelo produtivo. O devandito plan permitirá a creación de tres millóns de empregos na lexislatura sen necesidade de financiamento nos mercados internacionais. Canal expresou a obriga que teñen os poderes públicos de participar e investir na economía para loitar contra a crise.

 

Finalmente, César Santiso, ante a campaña de desprestixio contra o sindicalismo de clase e diante dos recortes da capacidade de decisión do conxunto de traballadores e traballadoras a través da negociación colectiva, indicou que “os sindicatos de clase poden contar co apoio de EU-V para loitar na defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras, sempre estaremos dispostos a mobilizarnos e desenvolver as iniciativas institucionais necesarias. A esquerda social e a esquerda política deben formar unha fronte ampla común que sexa quen de parar aos mercados”.

Relacionados