A Delegación Galega de Solidaridade co Sáhara, na que participa Eva Solla, chega a Compostela con 330 nenas e nenos de Vacacións en Paz

Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, viaxou a pasada semana ata os campamentos de refuxiados de Tinduf coa delegación do Intergrupo de Paz e Liberdade para o Pobo Saharauí para acompañar á chegada das nenas e dos nenos que veñen pasar o verán a Galicia co Programa ‘Vacacións en Paz’ de Sogaps (Solidariedade Galega co Pobo Saharauí).

A primeira parada da viaxe tivo lugar en Argelia, onde a Delegación Galega de Solidaridade co Sáhara reuniuse coa Asociación Argelina de Solidaridade co Sáhara e, posteriormente, co presidente da República Árabe Saharauí, Brahim Gali, para falar de diferentes asuntos políticos.

“Vacacións en Paz” leva desenvolvéndose en Galicia dende os anos noventa, permitindo o acollemento dunha media de 300 nenas e nenos saharauís cada ano que veñen para evitar as altas temperaturas do período estival. Un ano máis, paralelamente, Sogaps organizou unha axenda institucional para dar a coñecer ao Intergrupo a situación do pobo saharauí, en resistencia continua ante a ocupación de Marrocos fronte á deixadez do estado español.

Tamén en Argelia, Eva Solla participou na Radio Nacional de Argelia, na que falou sobre a situación do Sáhara e do traballo que estaba a realizar dende o Parlamento de Galicia.

Unha vez nos campamentos de Tindouf, a Delegación Galega de Solidaridade co Sáhara continuou coas visitas programadas. Unha das primeiras paradas foi no Parlamento Saharauí, onde os membros da delegación foron recibidos polo seu Presidente, Jatri Adduh e outros parlamentarios. Despois, a delegación dirixiuse a Bojador para visitar a  zona na que nos vindeiros meses se construirá un dispensario sanitario a través da axuda económica dos diferentes programas de cooperación.

Antes de volver, a delegación visitou dous proxectos importantes nos campos de Tindouf onde a RASD traballa por mellorar a soberanía do seu pobo, concretamente unha granxa de galiñas para a produción de ovos e un proxecto piloto de piscifactoría que está a dar un resultado moi positivo na cría de tilapia.

 Por último, na madrugada do sábado, chegaron a Compostela con Sogaps e as nenas e nenos saharauis de Vacacións en Paz. 

Dende Esquerda Unida reiteramos a nosa solidariedade e o noso apoio ao pobo saharauí na súa loita constante fronte ao opresor Marrocos, ocupante do Sáhara Occidental. Tamén consideramos que é unha obriga reclamar a solidariedade dun pobo, con dereitos recoñecidos, a vivir en paz e liberdade na súa terra, cos seus propios recursos e polo seu dereito á libre determinación.

Relacionados