A EPA e o desemprego

 

Segundo os datos da EPA o paro na nosa cidade descendería un 12% respecto ao trimestre anterior. Poren, chegar a tal conclusión sería erróneo, así o Grupo municipal de EU-V subliña que a EPA considera como parados ás persoas de 16 ou máis anos que durante a semana de referencia estiveron sen traballo, dispoñíbeis para traballar e buscando activamente traballo. Por tanto esta enquisa non recolle unha realidade que prolifera en tempos de crise. O desalento da poboación pola frustración derivada das dificultades para atopar un traballo deriva no desinterese de parte da cidadanía en buscar emprego. A falta de oferta de emprego e o infructuoso dos esforzos dos parados leva a desistir na procura de traballo, por iso para a EPA estas persoas non son consideradas como parados senón como inactivos.

 

Xa que logo, Esquerda Unida considera que os datos da EPA non reflicten unha redución do desemprego na Coruña senón que amosan o desalento e frustración da cidadanía que desiste de buscar emprego. O propio Servizo Público de Emprego Estatal cifra o incremento do paro na cidade nun 5,7%, botando por terra a caída do paro recollida na EPA. Recordemos que a cifra do antigo INEM refírese ao total de inscritos na procura de emprego, mentres que os datos da EPA derivan dunha enquisa a un reducido número de familias, concretamente unha media de 18 por provincia.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “son o primeiro que quere dar boas novas, mais non podemos crear falsas expectativas, debemos ser leais coa cidadanía e contar a realidade, o desemprego segue a crecer. E non so iso senón que tristemente estamos a observar como o 22,5% do emprego existente é temporal e moito del precario, o que ven a significar que so a metade dos coruñeses e coruñesas gozan de emprego estábel debido a reforma laboral do PSOE que actuando ao ditado dos mercados buscaba, e encontrou, a precarización dos postos de traballo”.

 

Diante desta triste realidade Esquerda Unida – Os Verdes esixe un cambio de rumbo na política municipal que permita a reactivación económica local e centre os seus esforzos nun cambio do modelo produtivo e un cambio na distribución capital-traballo que aumente a demanda.

Relacionados