A eurodeputada de Izquierda Unida, Paloma López, insta a Comisión Europea a esixir á Xunta de Galicia informes sobre o lindano respectivos á situación de saúde e calidade da auga

A eurodeputada de Izquierda Unida, Paloma López, vén de visitar as zonas afectadas por lindano no Porriño e Ponteareas. “Vimos de presentar unha serie de preguntas á Comisión Europea (CE) para intentar aclarar cuestións relativas á calidade de auga, aínda que vendo aquí a situación en directo, o que temos que facer e seguir insistindo en dous preguntas fundamentais. A primeira é en relación coa saúde, se vai a Comisión a instar á Xunta a facer as probas necesarias para saber como está a afectar a poboación unha substancia como é o lindano, canceríxena, bioacumulable e que actúa como disruptor endocrino. A segunda, se coñece cal é a situación da zona, se teñen un mapeo e se a Xunta presentou este mapeo de zonas de lindano á Comisión”.

Segundo explica a eurodeputada Paloma López, “de non ter sido así, esixiremos unha reunión coa Dirección Xeral de Medio Ambiente da CE e levaremos directamente a información nosa e que se actúe por parte da CE para superar esta situación e velar pola saúde da cidadanía”. Pola súa banda, Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, incidiu en rolda de prensa que “a Xunta de Galicia non ten feita ningunha actuación efectiva para eliminar os residuos de lindano”.

“A Xunta vén de ofrecer un informe no que analiza o impacto do tóxico na saúde, aínda que o fai de forma moi parcial e pouco exhaustiva, xa que sabemos que se coñecen sitios onde están estes residuos, tales como o polígono de Torneiros, onde hai vivendas de protección oficial, algo que semella non importar á Xunta de Galicia, xa que tampouco temos información sobre algunha medida para eliminar os residuos de lindano”, sentenciou.

Pedro Ocampo, concelleiro de EU Son Porriño, lembrou que tamén tiña trasladado a súa preocupación á Fiscalía e tivo denunciado en repetidas ocasións os altos niveis desta sustancia tóxica perigosa presente na comarca de Torneiros, esixindo a implicación das diferentes administracións (concretamente o Concello e o Parlamento de Galicia) para paliar este problema ecolóxico e sanitario. “Agora, semella que a solución pasa por Europa e, polo tanto, temos que estar coordinados tamén con outras zonas do Estado para que este problema non caia no esquecemento e non se lle quite importancia ou se ignore”, apunta.

A xornada rematará co acto de Esquerda Unida, ás 20 horas, co título: “Lindano, que facemos dende o Parlamento Europeo”, que contará coa presenza da Eurodeputada de Izquierda Unida Paloma López, Eva Solla, coordinadora nacional de EU e deputada de En Marea e Pedro Ocampo, concelleiro de EU Son Porriño. Podedes ver a charla dende aquí

Escoitar a rolda de prensa dende aquí:

Relacionados