A importancia de Asfedro en Ferrol

O Consello local de Esquerda Unida transmite a súa preocupación polo futuro da entidade, que presta un servizo esencial a comunidade local. Pese a que alarma social sobre o problema da drogadicción diminuíu, o certo é que a vía de feitos consumados demostra que segue a ser un tema de actualidade de atención social prioritaria. Á atención aos pacientes, cando non existe alternativa pública, é primordial para tratar estas enfermidades que corren o risco de sufrir un repunte por mor das situacións persoais ás que se ve abocada a xente, consecuencia dunha crise capitalista de xestión nefasta .

Os riscos de que a exclusión derive nunha nova vaga de drogadicción son reais e estatisticamente probados, polo que tan importante é a prevención como a atención aos pacientes, e máis cando distintos tratados ratificados polo Estado obrigan a un financiamento bastante para evitar e paliar os danos das drogas e os seus efectos na saúde.

Non é por tanto momento de recortes sociais e de mirar para outro lado, mentres esta asociación histórica na nosa cidade se colapsa e camiña cara a súa desaparición, senón de impulsar a integración pública da Asociación no sistema sanitario público, dende onde, de feito, xa se derivan pacientes ao non contar a rede socio-sanitaria galega con recursos humanos e materiais para atender a pacientes que sofren unha enfermidade de difícil curación.

Dende a toma do poder polo Partido Popular en todas as institucións a estratexia respecto a cooperación social semella ser a morte por inanición, unha asfixia económica que deixa baleiros de contido os fins lexítimos e altruístas destas asociacións, para as que non existe equivalente público, e como consecuencia, deixando no máis absoluto desamparo aos pacientes que requiren deste servizo. Este feito se demostra vendo a progresión á baixa dos orzamentos, estatais, autonómicos e locais

Instamos polo tanto á Xunta de Galicia a que garanta a viabilidade de todos os equipos e programas de atención  e prevención sociosanitaria a drogodependencias e, polo tanto, de Asfedro, e a que cese os recortes orzamentarios que ven sufrindo a entidade dende 2008, e que só no 2013 supoñen un recorte do 16% na partida asistencial e a eliminación completa das partidas destinadas a patoloxía e prevención, 65.000€. Recortes que, por outra banda, poñen en perigo máis postos de traballo, que engrosarían a avultada lista de desempregados da comarca.

Cremos que unha asociación de interese social, que ven prestando servizos á comunidade dende hai máis de vinte anos, merece unha defensa contundente dende o Concello, sostido por un alcalde “conmovido” polas mobilizacións cidadás pero que máis alá de palabras e bos sentimentos de fácil impostura non pon solucións enriba da mesa e é cómplice dos recortes que sofre o asociacionismo asistencial, en Asfedro e outras entidades, como Lazos ou Aspaneps.

 

Esquerda Unida de Ferrol promoverá e apoiará as accións necesarias para que a cidadanía coñeza a importancia vital de Asfedro na cidade, e colaborará no chamamento crítico que fan dende a Xunta Directiva pedindo a colaboración cidadá para evitar o peche da asociación.

Relacionados