Non cómpre sermos profetas para ver ao noso redor que, cada día, se fai máis difícil vivir en galego. A prensa en galego, de formato cotián, morreu. O galego a duras penas resiste a nula vontade do goberno galego de aplicar políticas activas de promoción e normalización da lingua galega nos medios de comunicación social. A Lei 17/2006 do Libro e da Lectura de Galicia é simple papel mollado para a dereita ultraliberal. Gobernan en contra da nosa lingua.
Se un quere ver unha película en galego, pode agardar meses até que unha película sexa proxectada nas salas de cine, reducidas cada vez máis, con cada día que pasa, a un formato de sala de cine recluída en centros comerciais. O galego non entra nos cines. E todo o tecido do audiovisual galego demanda o establecemento dunha política na materia que nunca chega. Desconsideración e recortes son a recompensa que recibe o sector.
Decidan vostedes coller unha película en DVD e procuren visionala coa opción de versión orixinal con subtítulos en galego…e comprobarán como é imposible atopar algunha. Porque o goberno galego non goberna para os galegos e galegas, non goberna para Galicia. Goberna de costas ao pobo.
Vaian vostedes ás cidades galegas e presten atención. Escoiten as conversas dos autobuses. As dos nenos e nenas á saída dos centros educativos. En que lingua se fala maioritariamente?
E mentres responden a esa pregunta, lembren que a normalización da lingua galega coñeceu sucesivos recortes e que só a militancia e a vontade dos traballadores dos equipos de normalización lingüística dos Concellos e dos Centros Educativos permite que se manteña a dignidade.
Cara a onde imos cun goberno que xoga a non atender as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que invalidan o cerne do chamada, e mal chamado, Decreto do Plurilingüismo?
Estamos en condición de afirmar que o camiño polo que a dereita levou á lingua galega no ensino e nos restantes eidos da vida cultural e social é un camiño que, por desgraza, non se pode desandar.
Por iso, cómpre traballarmos xa para recuperar os pasos perdidos en materia de normalización da lingua galega e voltar ao consenso unánime existente antes de que chegasen os galegófobos lingüísticos do goberno Feijóo.
A lingua galega quere pobo.
Compostela
17 de maio. En defensa da Lingua Galega.