Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2013.- A Xunta admitiu, a través do secretario xeral da Consellaría de Educación, Jesús Oitavén, que modificará o mapa escolar unha vez o Congreso dos Deputados aprobe a infame Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). E farao, ademais, para reducir os centros de ensino públicos no medio rural. Oitavén, o pasado luns en comisión parlamentaria, anticipou recortes no número de aulas e de profesores. Agochado nunha afirmación neutra, a preguntas do deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Ramón Vázquez, tamén se referiu “á necesidade de adaptar a rede de centros á redución de alumnado dos últimos anos”. É dicir, continuará a política de esganamento do ensino público no rural.
Oitavén asegurou, ademais, que dende o ano 2007, Educación pechou en Galicia 108 colexios públicos. Para AGE, esta sangría educativa e, polo tanto, social afecta sobre todo ao castigado medio rural. “E Galicia, sen o seu medio rural, non ten ningún futuro”, denunciou Vázquez, “e a LOMCE, privatizadora, españolizadora, sexista, será, de non parármola, a sentenza definitiva de morte para o rural”.