A mocidade e a emigración

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2013.- Nun novo exercicio de cinismo político e hipocrisía social, Alberto Núñez Feijóo pasou polo Parlamento de Galicia para facer oposición á oposición e practicar o seu deporte favorito: o escapismo. Á pregunta da viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Yolanda Díaz, en que acusou ao Goberno do PP de “condenar a mocidade á emigración que xa sufriron os seus avós na ditadura franquista polo fracaso da súa xestión económica”, o presidente da Xunta respondeu con estatísticas retorcidas e o argumento de que en Galicia, os mozos emigran menos que noutras comunidades do Estado español. “A súa maior habilidade como presidente”, afirmou Díaz, “é eludir responsabilidades”.

A parlamentaria de Alternativa apoiou a súa intervención nas crúas cifras da situación da xente nova en Galicia. “No nos país hai hoxe 75.048 mozos menos que hai catro anos, perdemos máis do 16% da poboación de entre 16 e 30 anos”, expuxo. Non só iso. Dende o inicio da crise do modelo neoliberal de acumulación, os menores de 24 anos con traballo minguou en 146.000 persoas. “Isto é unha auténtica catástrofe social que a crise neoliberal e o seu Goberno non fixeron máis que aguzar”, afirmou Díaz, que rematou lembrando “a imaxe patética, ridícula, insultante, de Feijóo na Cidade da Cultura entregando unha maleta aos estudantes premio fin de carreira”. As bancadas da dereita, con Núñez Feijóo, á cabeza só aplaudiron as escusas de mal pagador do presidente da Xunta.

Relacionados