A non transparencia da contratación

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes demanda unha contratación transparente, aberta e desenvolvida en base a unha planificación axeitada do gasto para aforrar cartos públicos. A propia lexislación establece que co carácter ordinario debe utilizarse para a contratación o procedemento aberto, isto é así porque o procedemento negociado supón grandes limitacións aos principios de publicidade e concorrencia polo que so está xustificado cando a licitación resulte inconveniente ou infactible, situación que soamente se da en contadas ocasións.

Existe reiterada xurisprudencia do Tribunal Supremo que sinala o carácter extraordinario do procedemento negociado e a necesidade de cumprida xustificación de esa excepcionalidade que o ampara, neste sentido o Tribunal de Contas tamén ten sinalado que debe acreditarse o procedemento é máis vantaxoso para os intereses públicos, que o procedemento aberto, circunstancia que na meirande parte das ocasións é de imposible xustificación debido que no procedemento aberto pode presentar ofertas calquera empresa que cumpra os requisitos, existindo máis posibilidades de obter finalmente unha oferta de maior calidade e menor prezo.

Esquerda Unida denuncia que máis do 93% do importe dos contratos adxudicados polo goberno municipal durante o 2013 son a dedo, tal e como recolle o perfil do contratante, ferramenta que as administracións teñen a obriga de ter accesible á cidadanía na su propia web. Así, no que vai de ano o goberno local utilizou o procedemento negociado para adxudicar 3,2 millóns de euros en 25 contratos, mentres que so adxudicou mediante procedemento aberto 229.000 € de 4 contratos. No caso do IMCE non podemos calcular o importe pois hai contratos onde non figura, máis tendo en conta o número de contratos a porcentaxe ascende até o 94% dos casos, concretamente 30 contratos por procedemento negociado contra 2 por procedemento aberto.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “negando a evidencia da contratación a dedo, o alcalde o ben pretende enganar a cidadanía ou ben está a demostrar a súa ignorancia en relación co procedemento de contratación, pois confunde a publicidade co procedemento negociado. Efectivamente negar a contratación a dedo do arranxo das pasarelas peonís, deixa en evidencia a un alcalde que amosa claros signos de desgaste político e pánico a perder a alcaldía como amosan diversas enquisas. Tal é o grado de despiste que nega a evidencia argumentando que aparece no perfil do contratante, mais iso no significa que non sexa un contrato a dedo, algo que queda patente no propio perfil e no documento municipal de adxudicación.

Que algún dos seus asesores lle explique ao alcalde que é a discrecionalidade quen marca si un contrato se outorga a dedo, por iso precisamente o procedemento negociado e coñecido coloquialmente como contrato a dedo. Con el a administración contratante selecciona ao seu libre arbitrio un conxunto de candidatos a contratar, consulta e negocia con eles as condicións do contrato e elixe finalmente ao que considera máis conveniente.  Os expertos na materia recoñecen a ampla discrecionalidade que supón esta práctica. Tamén deberíanlle explicar que a Lei de Contratos do Sector Público obriga a publicitar calquera contratación por procedemento negociado que supere os 200.000 € así que utilizar o argumento de que aparece no perfil do contratante non significa un xesto de transparencia por parte do PP, senón cumprir con un precepto marcado na lei pois estamos a falar dun contrato de medio millón de euros.

Pero é que asemade na contratación das pasarelas a xustificación non so non se sustenta senón que é pueril, pois o goberno municipal apela á urxente necesidade polo interese público para utilizar o procedemento negociado e logo tarda cinco meses en adxudicar cando un procedemento aberto tarda uns dous meses. Asemade a urxencia da actuación resulta paradigmática, cando tardaron ano e medio en analizar a situación das 16 pasarelas dende a denuncia de EU, como queda constancia na resposta oral a unha pregunta nosa de novembro de 2011.

Xa que logo, César Santiso, salientou: “semella que o Concello está a favorecer a empresas “amigas”, utilizando a mesma praxe que supostamente utiliza o PP a nivel estatal para financiarse como está a amosar o caso Bárcenas coa coincidencia entre doazóns e adxudicacións e como proba temos que, apesares de que o investimento en ladrillo e formigón e a base da acción política deste goberno, tan so licitou tres contratos de obras  por procedemento aberto”.

Calquera que estude o perfil do contratante pode apreciar a vontade discrecional do goberno municipal, que trata de ter as empresas da súa corda traballando aínda que as restantes sexan máis eficientes, ademais constátase que na xestión contractual prima a propaganda institucional que fai o PP para cubrir as súas eivas en canto a políticas a prol da cidadanía.

 

Finalmente, Santiso subliñou a incoherencia e hipocrisía que supón criticar na oposición os contratos a dedo, para acto seguido utilizar a mesma praxe no goberno e se cadra con maior descaro, fracionando contratos de maneira burda para poder aplicar este procedemento pouco ético como aconteceu nos contratos para os concertos das festas de María Pita”. Así A Lei de Contratos do Sector Público impide utilizar o procedemento negociado para a adxudicación de contratos de servizos superiores a 100.000 €. Así o IMCE fracionou o contrato do servizo de soporte técnico aos concertos, que co bipartito en 2010 era único, en dous: un por importe de 76.000 € con obxectivo é “aluguer, montaxe e desmontaxe dos equipos de luz, son e vídeo” e outro para “servizos de produción, persoal técnico, conexións eléctricas, camerinos, inodoros, vallas”, cun importe de 29.000 € está práctica a esta a aplicar o PP en todos os contratos do do Noroeste Pop Rock dende que chegou a María Pita.

Relacionados